Neste artigo vamos a achegarnos ao mundo dos Sistemas de Información Xeográfica para ver que vantaxes poden supoñer para as empresas contar con estes tipos de sistemas de información, que teñen en conta ademais dos datos alfanuméricos habituais, datos con localización xeográfica.
Centramos o artigo na solución libre gvSIG, un Sistema de Información Xeográfica desenvolvida pola Generalitat Valenciana e cunha grande comunidade de usuarios e desenvolvedores en España, e específicamente en Galicia.
Para coñecer mellor esta solución, entrevistamos a dúas empresas galegas que traballan sobre ela, ofrecendo desenvolvmento de solucións personalizadas, como son iCarto, que ademáis é socia da Asociación gvSIG, e Avansig. Para ter tamén o punto de vista como usuarios, contamos tamén con dúas empresas que xa teñen implantada esta solución: AUDASA e Entyl Ingenieros S.L.L.
Solucións de sistema de información xeográfica con Software Libre
Todo acontece nalgún sitio. Se pensamos en calquera dato que nos dea calquera tipo de información seguramente poidamos ademais vinculalo a un punto xeográfico concreto, é dicir, poderemos poñelo nun mapa. Un mapa non é simplemente algo que nos permite orientarnos para chegar a un sitio concreto, senón que é un sistema de información que nos permite comunicar ou analizar esa información dun xeito gráfico e moitas veces máis ameno.
Un sistema de información xeográfica non é máis que un sistema de información, unha base de datos, no que ademais dos formatos habituais de información alfanumérica, temos tamén información xeorreferenciada, é dicir, información que está relacionada cun punto ou puntos concretos do territorio.
A mellora na información, que supón isto, podemos velo cun pequeno exemplo: Para un transportista, ter unha lista cos nomes dos sitios aos que ten que ir nunha xornada, implica que se quere optimizar o seu percorrido, precisa dun coñecemento previo de como de preto están entre si todos eses lugares. A mesma información posta sobre un mapa permitiríalle dunha soa ollada obter ese percorrido óptimo.
O presente artigo afonda na solución tecnolóxica gvSIG, un sistema de información xeográfica de software libre, que pode ser empregado para moitos casos de uso, sobre todo grazas á súa modularidade.
gvSIG, solución libre para a xestión de información xeográfica
gvSIG, cuxo nome significa Sistema de Información Xeográfica da Generalitat Valenciana, é un proxecto de Software Libre, que xurde como unha iniciativa de migración a software libre dentro da Consellería de Infraestruturas e Transporte de dita administración. Publicado dende as primeiras versións como software libre, baixo licenza GPL, hoxe vai xa pola súa versión 2.2 e segue a medrar como unha das principais solucións libres neste sector, grazas sobre todo á súa modularidade, que fai que poida ser adaptado a numerosos casos de uso. Esta modularidade propiciou que moitas empresas e entidades o adaptasen para diferentes usos, xerando así unha comunidade ao seu arredor. A día de hoxe está xestionado por unha asociación, a Asociación gvSIG, formada por varias empresas, entre as que se atopa a galega iCarto, que se encargan do seu desenvolvemento.

Dende o punto de vista do software, gvSIG é un sistema de información xeográfica para o manexo de datos espaciais. Permite facer análises complexos e compoñer mapas avanzados, traballando cos formatos de datos máis habituais, tanto ráster como vectorial. Como cliente IDE (Infraestrutura de Datos Espaciais) soporta o acceso aos datos remotos a través de Internet seguindo os estándares abertos da OGC (organismo que rexe os estándares de datos xeográficos a nivel mundial): WMS, WFS, WCS, … podendo integrar estes xunto con datos en local e dunha base de datos xeoespacial, soportando acceso a PostgreSQL ou Oracle.
Unha das principais vantaxes de gvSIG radica na súa posibilidade de adaptación, debido sobre todo ao seu sistema de plugins, habendo moitos dispoñibles entre os que escoller, tanto oficiais como por parte da comunidade, o que permite adaptar a solución para calquera uso, convertendo o propio gvSIG dende unha ferramenta básica e moi sinxela de empregar ata un potente sistema orientado a usuarios máis técnicos.
Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia
Antes de ver as entrevistas coas empresas usuarias e provedores, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.
Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.
Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.
Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.
Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.
Entrevistas relacionadas
Entrevista 1: A visión dunha solución libre como gvSIG polas empresas usuarias finais
Para afondar no coñecemento de gvsig dende unha visión práctica e máis aliñada coas dúbidas ou inquedanzas doutra empresa que estea valorando a utilidade de dita solución, falamos con dúas empresas galegas que están actualmente a empregar esta solución, Entyl Ingenieros S.L.L eAUDASA.
No que respecta ás motivacións que levaron a estas dúas empresas a apostar por gvSIG foron principalmente a necesidade de manexar gran cantidade de información con compoñente territorial, sobre a que tiñan necesidades específicas de xestión. Así Entyl afirma que “gvSIG permitiunos actualizar a nosa metodoloxía de traballo en traballos de creación de inventarios cartográficos e en proxectos de análise territorial que implican a xestión e tratamento de grandes volumes de información” mentres que Audasa estaba inmersa nun proceso de modernización dos seus procesos de explotación da autoestrada: “No ano 2009, xurdiu a necesidade de optimizar algúns procesos na explotación da autoestrada: recollida de incidencias, actualización de inventarios, xeración de informes para a Administración, etc. baixo dúas premisas fundamentais, accesibilidade aos datos dende os centros operativos da autoestrada e facilidade de actualización dos mesmos.”
A adaptabilidade e a inexistencia de custe de licenza de adquisición foron aspectos determinantes á hora de decantarse por unha solución libre. Entyl dinos: “Valoramos o emprego de AutoCAD Map 3D e ArcGIS. O máis determinante para a elección foi que puidemos descargar e probar gvSIG libremente e ver que se adaptaba ás nosas necesidades. Ademais os aforros en custe de licenza nos permitiron contratar o desenvolvemento de ferramentas adaptadas ás nosas necesidades específicas”. É dicir, non só tiraron proveito das solucións existentes en gvSIG, senón que contrataron, a unha empresa local, desenvolvementos específicos para adaptala ás súas necesidades específicas, concretamente ao provedor tecnolóxico Avansig. Entyl recoñece que grazas a estas adaptacións obtiveron “unha redución de tempos en moitas tarefas e unha maior capacidade de análise da información”.
Pola súa parte Audasa pon en valor a importancia de contar con provedores próximos e a capacidade do software libre de xerar tecido empresarial local. Así nos conta que “Os aspectos determinantes á hora de tomar a decisión foron o tema do mantemento (licenzas), e a proximidade do laboratorio da Universidade e posteriormente da empresa ICARTO”. Igual que no caso de Entyl, tamén contrataron o desenvolvemento de módulos específicos para as súas necesidades, concretamente “… puxémonos en contacto coa Universidade da Coruña, máis concretamente co Laboratorio de Enxeñería Cartográfica (CartoLab). No ano 2010, empezou a desenvolverse o módulo inicial de expropiacións, hasta hoxe que levamos catro módulos máis (expropiacións, vialidade, inventario, uso e defensa, e expedientes) xa coa empresa ICARTO”. Esta proximidade lles permitiu acompañar o procedemento de optimización dos seus procesos internos coa adaptación da nova ferramenta en paralelo.As vantaxes que destacan da solución final é que agora son quen de “En xeral xeolocalizar calquera tipo de elemento, cuantificalo, e telo en conta para o seu correcto mantemento”.
Ambas empresas amósanse satisfeitas coas funcionalidades da solución adoptada, xa que cubriron perfectamente as súas necesidades ben como complemento a outras ferramentas ou ben substituíndo a ferramentas privativas como foi no caso de Entyl quen recoñece “Tradicionalmente empregamos AutoCAD para traballar con cartografía e follas de cálculo para o tratamento da información alfanumérica. … Ao dispor dunha ferramenta que xestiona de forma integrada a información gráfica e alfanumérica conseguimos reducir tempos en tarefas que antes resultaban longas e custosas.”
Ademais de amosarse satisfeitas, ambas concordan en recomendar o emprego de gvSIG a outras empresas, iso si, en palabras de Audasa, “analizando previamente as súas necesidades”.
Entrevista 2 : Valoración da solución gvSIG por proveedores galegos: Avansig e iCarto
Como complemento á visión do usuario, Avansig e iCarto achégannos a súa opinión ao respecto das funcionalidades, vantaxes e madurez de gvsig dende o punto de vista de empresas especializadas. Elas foron as empresas tecnolóxicas que acompañaron a Entyl e Audasa no seu proceso de mellora tecnolóxica grazas a gvSIG.
Madurez
Dende a súa experiencia gvSIG é unha ferramenta madura que cubre case o 95% dos casos de uso, deixando só fóra certas funcionalidades moi avanzadas de interese para usuarios moi expertos. Respecto da usabilidade Avansig afirma que “está un paso por debaixo de ArcGIS, que é a referencia neste ámbito de aplicacións”. Pola súa banda dende iCarto creen que “O modelo colaborativo que aplicou dende os seus inicios, hai máis de 10 anos, xerou unha gran comunidade de desenvolvedores e usuarios, o que axudou a ir pulindo de xeito progresivo a ferramenta, acadando actualmente un bo nivel de fiabilidade. A maiores, as extensións e plugins que os diferentes colaboradores do proxecto foron desenvolvendo ao longo dos anos, contribuíron moito á mellora, aumentando considerablemente a súa funcionalidade.”
O ámbito de potenciais usuarios de gvSIG é moi variable, dende niveis de usuario moi básicos ata traballos moi especializados. En particular, dende iCarto dinnos que “enfocamos o emprego dos SIG como ferramenta chave para dar valor á información, axudando enormemente á planificación territorial, así como á análise de información e á xestión de infraestruturas. O vector de clientes confórmao un abanico moi amplo, dende administracións adicadas á planificación e xestión de recursos, ata empresas ou organizacións máis especializadas na xestión.”. Pola súa parte Avansig afirma que está dirixido a“Administracións e empresas do ámbito da enxeñería civil, o urbanismo, medioambiente, etc. que traballan coa compoñente espacial e que empregan as TIX para incrementar e mellorar os seus procesos e capacidade de xestión, aforrar custes e mellorar a súa competitividade”.
Vantaxes
En canto ás vantaxes desta solución, Avansig destaca a súa “facilidade de extensión e personalización, así como gran cantidade de ferramentas e aplicacións”, mentres que dende iCarto poñen máis en valor a comunidade de desenvolvedores e usuarios que ten este proxecto, “O proxecto gvSIG ten unha grande comunidade de desenvolvedores e usuarios que fan posible que o proxecto avance e evolucione de xeito moi rápido. Ese gran núcleo, xunto co gran traballo que se fai dende a asociación gvSIG para posicionar a ferramenta como líder do SIX libre, especialmente nos países hispano falantes, son as dúas principais vantaxes de gvSIG fronte a outras alternativas”. No tocante ao aforro en licenzas que supón unha solución como esta, ambas empresas teñen claro que moito, xa que “os produtos privativos baseados en TIX estiveron moi vinculados a nichos de mercado moi concretos e especializados onde non existían alternativas libres fiables e se daban situacións de cuasi-monopolio” segundo comenta iCarto. En canto a cifras concretas, dende Avansig nos din o seguinte: “Por poñer un exemplo, unha licenza de ArcGIS custa aproximadamente uns 5.500€. No caso de ter máis licenzas (2-10), o custo estaría preto dos 5.000€ por licenza. No caso da administración estariamos a falar de centos de miles de euros”. Ademais iCarto destaca que ten outras vantaxes adicionais sobre solucións privativas polo mero feito de ser libre como por exemplo: “Moitas empresas ofrecen e crean solucións, polo que o cliente non está atado a unha única empresa”, “Innovación e mellora continua. As melloras e evolucións tecnolóxicas realizadas polo ecosistema de empresas e organizacións vinculadas o proxecto gvSIG, pódense reaproveitar entre diferentes proxectos” ou a “Interoperabilidade: O uso de estándares no intercambio de información axudan a compatibilidade con outras ferramentas, aínda que estas non sexan de software libre.“
A oferta de Avansig e iCarto como provedores de gvSIG
Tanto Avansig como iCarto ofrecen servizos de desenvolvemento sobre gvSIG, ademais de análise e tratamento de información xeográfica. Ademais ambas empresas teñen liberado varias extensións para gvSIG, e no caso de iCarto algunhas foron mesmo incluídas como parte principal do proxecto: “como xa mencionamos ao longo da entrevista, mesmo algún deles foi incluído como parte principal de gvSIG polo seu éxito entre a comunidade de usuarios, como foi o caso de Navtable“. Ambas empresas basean o seu modelo de negocio principalmente no software libre, representando no caso de Avansig o 80% da facturación ou no caso de iCarto o 100%, para quen representa a filosofía principal da empresa, xa que afirman que “A totalidade dos proxectos de iCarto teñen unha compoñente tecnolóxica moi alta, ben sexa polo emprego ou pola realización de desenvolvementos propios sobre Tecnoloxías de Información Xeográfica (TIX). iCarto, como parte da súa visión empresarial, emprega e desenvolve tecnoloxías e solucións baseadas en software libre”.
Ambas están convencidas de que o feito de que gvSIG sexa software libre ten un peso bastante alto para os seus clientes. En palabras de Avansig “Moitas veces é a única forma de acceder a este tipo de aplicacións cun prezo asumible. Ademais as empresas valoran a independencia tecnolóxica que lles procura o factor de que sexa software libre e de código aberto”. Pola súa parte iCarto cre que os clientes o que máis valoran é o aforro en licenzas e as posibilidades de personalización e adaptación ás súas necesidades e a integración con outras ferramentas. Considérano particularmente útil no eido da Cooperación: “No caso dos proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento o emprego de software libre é fundamental, xa que favorece o empoderamento tecnolóxico, garantindo unha correcta transferencia tecnolóxica e fomentando o tecido local”.
En canto á oferta de servizos e colaboración coa comunidade, Avansig indica que ten desenvolvido 3 produtos baseados en gvSIG, dos que polo momento só ten liberado algúns módulos. “Desenvolvemos gran cantidade de extensións para gvSIG, as cales forman parte dos nosos produtos. Liberamos algunhas destas extensións, como por exemplo CoreSIG, aínda que non liberamos aínda as aplicacións completas.”. No caso de iCarto ademais de liberar varios módulos están tamén moi involucrados na comunidade de gvSIG. Así nos indican que “temos desenvolvido e liberado varias solucións para o ámbito da xestión de infraestruturas viarias e outras no sector da Cooperación para o Desenvolvemento relacionadas coa planificación e xestión do recurso hídrico.” e ademais “temos unha alta participación na súa comunidade, con varias contribucións importantes ao proxecto, como a mellora do driver de PostgreSQL ou as ferramentas de CAD. Tamén temos participado nos órganos de xestión da comunidade formando parte do Board do proxecto e sendo socios da Asociación gvSIG.”
Valoración do ecosistema actual do Software Libre en Galicia
Finalmente como peche da entrevista aproveitamos para saber as opinións destas empresas sobre o ecosistema actual de software libre en Galicia. iCarto pertence a AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre porque, “cremos que é necesario que o sector empresarial do Software Libre en Galicia estea unido. Aínda que o Software Libre está a experimentar un auxe importante nestes últimos anos, falta aínda moita difusión entre o tecido empresarial, a cidadanía e mesmo na propia Administración. Neste sentido o traballo que se fai dende AGASOL é moi importante”. Respecto do tecido empresarial TIC en Galicia ambas concordan en que “é un sector altamente competitivo”, en palabras de Avansig e segundo iCarto “no caso das tecnoloxías de información xeográfica, que é o ámbito que máis coñecemos, as empresas e profesionais galegos teñen certo recoñecemento tanto a nivel estatal como internacional”.
Entre as iniciativas que se deben potenciar por parte da administración destaca iCarto“a mellor iniciativa é dar exemplo”, ao que engaden que “aínda que ultimamente están a verse algunhas iniciativas para o emprego de Software Libre por parte da administración, non hai unha aposta total. En termos de interoperabilidade hai moitos problemas, xa que non é posible a día de hoxe comunicarse ao 100% coa administración empregando Software Libre”. Por parte de Avansig, na súa opinión a clave está na difusión: “Dar difusión ás solucións software libre existentes; promover accións de formación; organizar xornadas demostradoras sectoriais nas que se xunten potenciais clientes e provedores; e dar exemplo, facendo uso de solucións software libre”.
