Esta tarde, a partir das 16:30 horas, GPUL desenvolve un HackLab de impresión 3D na Aula 2.0b da Facultade de Informática da Coruña.
En GPUL son conscientes de que o mundo do hardware libre está a ter unha gran evolución, estando cada día máis presente na nosa sociedade. Un bo exemplo desta evolución e presencia na sociedade son as impresoras 3d que podemos ver a miúdo nos xornais e nos medios de comunicación.
GPUL, non quere quedar atrás neste mundo e inicia a súa andaina con este HackLab, que se organizará en múltiples sesións, onde o obxectivo é rematar montando unha impresora 3D, partindo da información dispoñible no proxecto Clone Wars onde documentan como crear a nosa propia impresora 3D.
Aínda que a impresora 3D montada neste hacklab será finalmente para o uso dos GPULeiros e GPULeiras, o hacklab está aberto á participación de persoas alleas a GPUL de maneira que poidan tamén aproveitar para montar a súa propia impresora.
Ademais deste obxectivo práctico e inmediato, o hacklab ten tamén outro obxectivo final, consistente en sementar as bases para crear un grupo de traballo cooperativo de carácter aberto e fomentando a aprendizaxe autónoma e cooperativa de todos os seus membros.
Dende GPUL agradecen que aquelas persoas interesadas en participar neste HackLab se subscriban a través do formulario do evento a fin de que poidan organizar mellor o evento.
Esta actividade, forma parte das actividades que GPUL realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.
