Máis de corenta persoas participaron onte na xornada “Software Libre contra a crise” organizada pola Asociación de Empresas Galega de Software Libre (AGASOL) en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. O encontro, que transcurriu na Cámara de Comercio da Coruña, contou coa presenza da directora xeral, Helena Veiguela, quen inaugurou ,así, o plano de actuacións presentado por Agasol no marco do convenio de colaboración asinado recentemente coa Dirección Xeral , e en virtude do cal a asociación de empresarios disporá de 20.000 euros para a difusión e a promoción do Software Libre entre o sector empresarial galego.
Coa súa presenza, Helena Veiguela deixou patente o apoio da Administración a este tipo de actos divulgativos, así como a aposta decidida do seu departamento pola implantación e a difusión dos estándares e as tecnoloxías abertas. Segundo explicou, “as contornas abertas son moi eficientes e propician a resolución de problemas, achegando ás empresas un coñecemento profundo dos procesos estratéxicos e da súa resolución”. Neste senso, recordou que “o 90% do software instalado nos servidores de Internet é libre”.
A sesión estivo conducida por Roberto Brenlla, fundador de TEGNIX, unha das 24 empresas que compoñen Agasol. Brenlla desmentiu tópicos como que o software libre non serve para uso empresarial e afondou nas vantaxes da súa elección ante un auditorio conformado por técnicos, pero tamén por profanos na materia que demandaron información sobre as opcións para implantar ou migrar a estándares abertos e aos que suxeriu investir máis en servizos e menos en licenzas.
“O software libre é independencia, control, estandarización e adaptabilidade porque é a tecnoloxía a que se amolda á empresa ou o usuario e non ao revés”, concluíu. Tamén interveu na xornada Gonzalo Ortiz, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, que resaltou que “o software libre emprégase cada vez máis por parte de institucións e administracións” e Javier Vázquez, presidente de Agasol, que glosou a actividade deste colectivo empresarial que agrupa a 24 compañías galegas do sector TIC e xera 150 empregos directos. “Queremos ser un partner tecnolóxico para as pemes galegas, un interlocutor de negocio entre elas e os provedores de software libre”, explicou.
Estas xornadas inscríbense dentro do plano de actuacións presentado por Agasol no marco do convenio de colaboración asinado recentemente coa Consellaría, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, e en virtude do cal a asociación de empresarios disporá de 20.000 euros para a difusión e promoción do Software Libre entre o sector empresarial galego.
Fonte: AGASOL
