É vostede a responsabel dun departamento da Xunta cun nome moi longo e moi complicado: Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, dentro da Consellaría de Innovación e Industria. Podería explicarnos de qué se encarga o seu departamento e como encaixa o software libre na súa área?
Sí, o nome é longo e os ámbitos de traballo moi extensos. Trátase dunha Dirección Xeral responsábel de exercer e desenvolver as competencias que a Consellaría de Innovación e Industria ten atribuídas en materia TIC, Sociedade da Información, impulso á internacionalización das empresas e a promoción dos diferentes sectores industriais. O Software Libre encaixa en tres ámbitos: Sociedade da Información en xeral, sector TIC e promoción industrial.
Precisamente ese encaixe do software libre dentro do sector TIC e da promoción industrial é o aspecto máis novidoso no compromiso da Xunta a respeito doutros gobernos que tamén apostan polo software libre. O seu departamento quere aproveitar as vantaxes do software libre pra mellorar a competitividade dos sectores productivos galegos. Podería explicarnos cómo pode axudar o software libre a mellorar a economía nestes tempos de crise, en especial no sector TIC?
O sector TIC galego ten grandes oportunidades de se situar como desenvolvedor e provedor de servizos. Ten empresas que deben medrar e afianzarse e ten capital humano que se forma un ano tras outro nas súas universidades que pode e debe ser aproveitado para facer deste sector emerxente un sector consolidado, ben dimensionado canto ao tamaño das súas empresas e competitivo. Mais é preciso, para que o sector sexa tal, que conte con recursos e produtos tecnoloxicamente independentes. Trátase de desenvolver tecnoloxía e non de facer única e exclusivamente de sector de instalación e mantemento do que outros desenvolven e, aínda isto, en condicións de total indefensión para resolver problemas por non ter acceso aos códigos fonte dos diferentes produtos.
Para que Galiza conte con un sector TIC de seu, debe conseguir a independencia tecnolóxica da maior parte dos servizos e solucións que desenvolva e implante. E isto é máis importante, vai máis alá que estabelecer liñas de negocio con base no cobro de licenzas ou no cobro polos servizos de implantación e mantemento. E isto só se consegue no marco da utilización do Software Libre.
Por outra banda, o Software Libre e en xeral o software de código aberto, é a tecnoloxía apropiada para facer chegar a toda a poboación os beneficios da Sociedade da Información. Troca o custo de licenza polo custo de atención e servizo, é interoperábel xa que emprega estándares abertos e polo tanto idóneo para implantar servizos de administración electrónica e comercio electrónico. A Unión Europea xa está dando pasos decididos neste sentido.
Pero a aposta polo Software Libre vai máis alá da súa oportunidade tanto a nivel económico como industrial, esta aposta ten repercusións sociais importantes: Podemos dispor de todos os nosos produtos no noso idioma xa desde a súa primeira versión e, ademáis, practicamos e expandimos o uso e o gosto polo traballo corporativo. Hoxe por hoxe, a metodoloxía de traballo utilizada polos desenvolvedores de Software Libre é un estupendo modelo de como se xera coñecemento e como se comparte, valor que vai moito máis alá de indicadores económicos. Por todas estas razóns, expostas sinteticamente, o PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información) fai unha aposta decidida polo impulso ao Software Libre.
Aproveitando que mencionou o PEGSI, qué aspectos deste plan destacaría máis?
O PEGSI foi o primeiro plano estratéxico do estado español, e un dos primeiros de Europa en incorporar un compromiso serio amparado en criterios de sustentabilidade tecnolóxica, cos estándares abertos e o software libre e iso hai que destacalo. Tamén habería que salientar que o PEGSI define a estratexia en sociedade da información de todo o Goberno Galego, non só da Consellaría de Innovación e Industria senón de todo o goberno, pois foi aprobado polo Consello da Xunta e despois refrendado polo noso Parlamento, así que se trata do plano estratéxico de toda a Xunta. Pero tamén quero destacar algo moi importante, que ás veces se nos esquece cando facemos balance. No ano 2005, cando chegamos ao goberno, non había ningún tipo de planificación a respecto da Sociedade da Información, xa non digo unicamente sobre software libre, senon sobre os diferentes aspectos das TIC, de políticas de inclusión dixital e sustentabilidade tecnolóxica, aplicación das TIC polo tecido empresarial… nada. Nin planos directores nin estratéxicos. O PEGSI é a primeira planificación tecnolóxica da historia de Galiza. Tamén é importante salientar que na súa elaboración interviñeron todos os axentes involucrados como as empresas, o tecido asociativo, os expertos e responsábeis políticos ademáis das universidades. Os resultados iranse pondo de manifesto nos próximos anos pero, o máis importante é que os alicerces están construídos.
Vostede dí que o PEGSI é a estratexia de todo o Goberno Galego, pero nas redes sociais coméntase moito que o compromiso co software libre depende da Consellaría da que falemos.
É lóxico que desde as redes sociais se bote de menos unha aposta máis decidida noutros ámbitos do goberno galego, porque é así. Pero tamén é certo que hai máis consellarías que a de Innovación Industria que están a levar adiante importantes avances neste aspecto, por exemplo a Consellaría de Educación. Pola súa banda, a Vicepresidencia apostou polo software libre con ferramentas como Cyclos e a Consellaría de Cultura que está a implantar o software libre nas bibliotecas do noso país ou tamén casos como AINFOVAC para a xestión das explotacións gandeiras. E para rematar, unha grande maioría dos desenvolvementos á medida que se contratan hoxe en día na Xunta especifícanse para entornos abertos.
E no caso da Consellaría de Innovación e Industria en qué se concreta ese compromiso?
Nós estamos igual de obrigados que o resto dos departamentos da Xunta para aplicar as políticas tecnolóxicas definidas no PEGSI, e polo tanto temos o compromiso de apostar polo software libre e polos estándares abertos. No noso caso non agardamos a ter aprobado o PEGSI, pois xa dentro do primeiro ano puxemos en marcha Mancomún como iniciativa para centralizar as actuacións que requiren a interacción coas distintas comunidades de software libre. Actualmente Mancomún está a consolidarse como Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza e con seguridade é o máis visíbel da nosa actividade, pero hai tamén outras iniciativas igualmente importantes. Mais alá desa actividade de reforzamento da comunidade galega do software libre tamén intervimos promovendo a consolidación dun tecido TIC galego forte e dinámico , priorizando e primando o seu uso no acceso ás subvencións, esixindo liberar o código fonte nos contratos coa administración pública ou requerindo o seu uso nas axudas de autónomos como acabamos de facer recentemente. Neste ámbito das empresas temos que resaltar o convenio que vimos de asinar con AGASOL, co que imos poder investir máis 20.000 euros en dinamizar o software libre no eido das TIC; a mesma cantidade por certo coa que imos promover a súa difusión a través das asociacións de software libre, máis de 75.000 euros no seu conxunto. E tamén é necesario mencionar o impacto da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que a través dos seus máis de oitenta centros repartidos por todo o país está demostrando as potencialidades do software libre para reducir a fenda dixital. A nosa plataforma de hardware, hospedada no Centro de Supercomputación de Galiza, está funcionando ao 100% con software libre, e estamos a falar dunha infraestructura de máis de 630.000 euros, e igualmente empregamos software libre para os grandes proxectos de software, que no caso dos portais web se basean en Typo3 e outras tecnoloxías libres. Como se pode constatar, o compromiso desta Consellaría, que se articula principalmente a través da miña Dirección Xeral, vai algo máis alá que simples declaracións de intencións.
Referíase vostede á evolución de Mancomún, que se consolida como o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza. En Mancomún participan axentes de natureza tan diversa como poidan ser as asociacións de software libre, as empresas, as tres universidades galegas e institucións como o proprio Centro de Supercomputación de Galiza ou a Fundación Calidade, que acaba de incorporarse. Cara aonde se dirixe o Centro de Referencia?
A dirección do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza está ben definida no seu documento estratéxico, onde se define a súa Visión, a súa Misión e os seus Obxectivos, ademais dun conxunto de actuacións agrupadas en sete áreas moi concretas e que son localización de software ao galego, desenvolvemento de novas aplicacións, implantación do software libre, formación, observación, soporte e difusión. Esta proxección estratéxica orienta de forma clara a traxectoria de Mancomún até o ano 2010, de modo que entra dentro das nosas previsións continuar dando soporte a este proxecto na próxima lexislatura. Mancomún está involucrado en proxectos de alcance estratéxico.
En canto a eses proxectos, hai algún que destaque por algunha razón?
Todos os proxectos nos que está involucrado Mancomún teñen a súa importancia e cada un deles cumpre a súa función; todo o traballo relacionado coa localización de software por exemplo, ou o de difusión do software libre tanto cos GULs como coas empresas, a igual que esa importante tarefa de consolidar as pontes coas comunidades do software libre da lusofonía polo potencial que representa unha comunidade de trescentos millóns de falantes dunha língua tan próxima á nosa. Mais destacarei dúas cousas unha de tipo técnico-estratéxico e outra de tipo social: o lanzamento de Galinux, un sistema operativo completo en galego e o establecemento de sinerxías coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, onde agardamos contar coa iniciativa das asociacións de software libre.
Entón o sistema operativo galego xa ten nome: Galinux. Trátase dunha nova distribución como fixeron noutras Comunidades Autónomas? E por qué se agardou até agora para presentar este proxecto?
Pois non, non se trata dunha nova distribución e esta foi unha das principais conclusións ás que chegamos no proceso de interlocución que durante estes anos mantivemos con distintos axentes da comunidade galega do software libre, en especial coas asociacións de software libre e coas empresas. Todo o contrario: apostamos por fortalecer a comunidade do software libre para que sexa ela a que produza o software preciso, de xeito que despois calquera poida integralo segundo as súas proprias necesidades. Ese foi o motivo polo que decidimos agardar: porque decidimos delegar as decisións sobre este asunto de acordo coa comunidade mentres conseguíamos traducir o software básico necesario; ademais, non tiña moito sentido facer unha distribución nova cando había tantas e tan boas para escoller. Despois de tres anos de investigación do sistema de produción do software en distintas comunidades e tamén de desenvolvemento proprio, fomos capaces de producir unha innovación que agora queremos achegar á comunidade do software libre internacional dende Galiza. Non basta con utilizar o software libre pra cubrir as propias necesidades; tamén hai que contribuír á comunidade e iso é o que estamos facendo desde a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Se alguén está interesado nos detalles máis técnicos pode dirixirse ao Centro de Referencia ou ben preguntar na comunidade galega do software libre polo “codename” desta innovación galega: AraOS.
Nos últimos meses o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre foi o protagonista de distintos recoñecementos dende distintas instancias internacionais como a Unión Europea ou a propria ONU e foi convidado como un dos poucos patrocinadores oficiais do Software Freedom Day xunto con Google ou Sun Microsystems. Todos estes recoñecementos coinciden en sinalar a Mancomún como referente internacional para a promoción do software libre dende as institucións públicas. Cómo valora vostede estes recoñecementos, e a qué atribúe este éxito?
Pois a verdade é que son de agradecer todos eses recoñecementos, pois demostran que a nosa estratexia era acertada e sirve para resolver os nosos proprios problemas e adaptar o software libre ás nosas necesidades, pero tamén que o noso xeito de facer as cousas é un modelo que pode ser aplicado tamén noutras latitudes, copiado e reutilizado. Demostra que estamos a facer as cousas de acordo co espírito e coa ética características do software libre e que o facemos ademais sobre unha das principais características da cultura nacional galega e que xa a Xeración Nós enunciara, con Castelao á cabeza, baixo o principio de “Galiza, célula de universalidade”. Sirvan estes recoñecementos internacionais para medrar en autoestima como país e como galegas e galegos no mundo con moitas cousas que aportar.
