Homebank é un aplicativo, con licenza GPL, para xestionar a contabilidade doméstica e persoal dunha forma sinxela. Permite dar de alta diferentes contas, xestionar as transaccións nesas contas, incluír conceptos asociados aos ingresos e gastos, automatizar transaccións repetitivas… Ademais proporciona ferramentas gráficas e de filtrado para poder realizar unha análise polo miúdo das nosas finanzas, algo especialmente importante nos actuais tempos de crise que estamos a vivir.
É gratuíto e multiplataforma (GNU/Linux, Windows, MacOSX, Nokia N*** …) e está dispoñíbel en máis de 57 idiomas entre os que está o galego. A última versión deste aplicativo é a 4.1 descargable dende a súa web para todas as plataformas.Aínda que HomeBank é moito menos coñecido que outras alternativas como GnuCash, KmyMoney ou Grisbi, é o aplicativo favorito para a xestión das finanzas dalgunhas das distribucións GNU/Linux lixeiras, como por exemplo Puppy Linux, debido ao seu pequeno tamaño e sinxeleza.
Da mesma forma que outros xestores financeiros persoais, HomeBank baséase en dous conceptos clave: contas e transaccións:
- As contas representan contas bancarias reais (por exemplo a conta corrente, a conta de aforros…).
- As transaccións representan movementos nas contas, gastos ou ingresos en efectivo…

Para facilitar a visualización do fluxo que segue o noso diñeiro, HomeBank permite asociar a cada transacción un beneficiario (persoas ou institucións) así como unha categoría, ademais da descrición ou concepto. As categorías facilitan a clasificación das transaccións, por exemplo, as compras de alimentación poden ter asociada a categoría “alimentación” e os gastos de ir ao cine a categoría “ocio”. Ademais poden xerarquizarse a través da definición de subcategorías por exemplo, a categoría “ocio” podería dividirse en: “cine”, “copas”, “viaxes” …
Para facilitar a xestión de transaccións recorrentes de forma automatizada, como por exemplo as facturas mensuais, transferencias internas entre contas, gastos correntes habituais … este aplicativo proporciona os denominados “archivos” onde se especifican as características da transacción e se indica se se quere aplicar automaticamente ou tan só que nos amose un recordatorio.
Finalmente incorpora varios informes gráficos: estatístico, presuposto, descuberto e do automóbil. O primeiro permite filtrar as transacción por categoría, por tipo, por beneficiario… O gráfico de presuposto, amosa o que nos gastamos en cada categoría comparándoo co que lle teñamos asignado mensualmente co que podemos saber rapidamente onde estamos pasándonos de presuposto. O informe de descuberto amosa graficamente o estado xeral das nosas contas e finalmente o informe do automóbil amosa os gastos relativos ao coche como o combustible ou as reparacións.
Para coñecer todos os detalles do funcionamento o mellor é consultar o manual de uso na web do proxecto.
Fonte: gnomefiles
