Mancomún

Hoxe comezan as VI Xornadas hispanas do software estatístico R

Xoves, 23 Outubro 2014

Esta mañá comezaron as VI Xornadas hispanas de usuarios do Software Estatístico R, organizadas pola Asociación Melisa, e que durante dous días acollerán a máis de 160 persoas nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago de Compostela.

Ademais do público asistente, outras 100 persoas máis estaban inscritas para seguir as xornadas en remoto grazas á que están a ser retransmitidas en directo por streaming.

Foto da mesa de inauguración das Xornadas

A inauguración das xornadas correu a cargo de Rafael Rodríguez, presidente de Melisa, Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Asociación R-Hispano, Juan Víctor Rodríguez Arós representante da AMTEGA e Alfonso Blasco Director do CNTG.

Todos eles destacaron a alta participación de público nestas xornadas, mostra da gran comunidade que existe en torno a este software estatístico e á perfecta simbiose que semella existir no eido da investigación co software libre en xeral e a linguaxe R en particular.
Por outra parte dende a organización agradeceron a colaboración de todos os que dunha forma ou outra participaron para que estas xornadas puideran desenvolverse, aos comités de organización, aos poñentes por compartir o seu coñecemento e experiencia, aos patrocinadores e como non ao público asistentes.

O programa das xornadas é moi completo con sesións plenarias, comunicacións orais e obradoiros.

Aquelas persoas interesadas neste software, están aínda a tempo de inscribirse na web das Xornadas para poder seguilas por streaming, ou achegarse ata as instalacións do CNTG para seguilas en directo, sempre por suposto condicionado ao aforo dispoñible.

Estas xornadas forman parte das actividades que MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal