Mancomún

Hoxe e mañá celébranse no CDTIC sesións formativas para impulsar o comercio electrónico entre as PEMES

Martes, 5 Xuño 2012

Logo do CDTICO Centro Demostrador TIC de Galicia acolle hoxe e mañá catro sesións formativas para impulsar o comercio electrónico entre as PEMES no marco do programa “Vendes en internet?” promovido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo en colaboración coa Xunta de Galicia.

Estas sesión formativas que se celebran no CDTIC pretenden dar resposta ás principais dúbidas das empresas cando se inician no comercio electrónico. Desde como pasar do negocio tradicional á venda por internet ata coñecer que é o marketing dixital, de que medios de pagos se dispón ou que barreiras xurídicas existen, entre outras cuestións.

As sesións van orientadas aos autónomos e pequenos empresarios que busquen abrir unha nova canle de negocio a través do e-commerce e tiveron unha acollida espectacular. As prazas esgotáronse aos poucos días de abrir o prazo de inscrición, a pesar de ampliar o aforo inicial co obxectivo de dar resposta á demanda xerada.
Durante estes dous días trataranse aspectos como os seguintes, ademais de realizar asesoramento personalizado aos asistentes:

  • Martes 5 de xuño. (sesión de mañá) Negocio Electrónico: Formación presencial con exemplos prácticos sobre os diferentes modelos de negocio que existen en comercio electrónico, como crear unha marca, accións necesarias para trasladar un negocio a Internet, como organizar a loxística do negocio online e cales son as claves do éxito do e-Commerce en España.
  • Martes 5 de xuño (sesión de tarde) Aspectos Tecnolóxicos do e-Commerce: Formación presencial con exemplos prácticos sobre as diferentes plataformas de comercio electrónico existentes, que se necesita para poñer en marcha un negocio online e como trasladar o noso negocio á nube.
  • Mércores 6 de xuño (sesión de mañá) E-Marketing: Formación presencial con exemplos prácticos sobre os diferentes aspectos referentes a marketing no eido do comercio electrónico, que fórmulas utilizar para aumentar as vendas en Internet e sacar o máximo partido ás redes sociais e a web 2.0, e como posicionar o teu negocio electrónico e crear unha imaxe de marca: que ferramentas utilizar e como, e a importancia do análise do teu sito web.
  • Mércores 6 de xuño (sesión de tarde) Aspectos Legais do e-Commerce: Formación presencial con exemplos prácticos sobre a normativa legal europea e nacional referente a comercio electrónico: Protección de Datos, Patentes e Marcas, Lei de Servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico, posibles sancións a ter en conta e fiscalidade do e-Commerce.

Programa Vendes en Internet?

“¿Vendes en Internet?” é unha iniciativa que busca aumentar o número de empresas que vendan a través da rede e promove a creación dunha oferta de calidade en cada segmento de actividade. Para elo, púxose en marcha diferentes accións distribuídas en tres liñas de actuación, que aportan as ferramentas para iniciar ou potenciar o e-commerce: sesións de formación, servizo de asesoramento personalizado e a creación do portal www.vendeseninternet.es.

O programa tamén ofrece ás pemes e autónomos un servizo de asesoramento personalizado, que resolverá consultas concretas tanto online como presencialmente durante as sesións. Así mesmo, o portal web www.vendeseninternet.es que está dispoñible para todos os interesados e inclúe información relativa á formación, casos de éxito, etc.

Comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre

No ámbito do comercio electrónico existen moitas alternativas con licenza libre. Estas alternativas soen ofrecer a posibilidade de instalar unha tenda en liña que adoita ser en grande medida básica, cun deseño gráfico e funcionalidade non adaptados completamente aos requirimentos da empresa. A vantaxe de non ter que pagar por licenza de uso do software, permite que a peme poida contratar os servizos especializados de empresas locais que lle axuden a instalar, adaptar e configurar correctamente o seu proxecto de comercio electrónico. Os custos engadidos estarán determinados pola adaptación da solución elixida e a complexidade do proxecto particular.

Aproveitamos para recordar que o pasado ano dende a Xunta de Galicia realizouse un estudo comparativo titulado “Comparativa de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre” co obxectivo de dar resposta á necesidade detectada de mellorar a presencia en Internet das empresas galegas e poñer en valor as diferentes plataformas software libre de comercio electrónico para a venta de produtos e servizos a través da rede.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal