Mancomún

I Hackaton Solidario "Intro para todos" na aula CeMIT de Padrón

Martes, 3 Novembro 2015

Mañá mércores, 4 de novembro, celebrarase na aula CeMIT de Padrón o I Hackatón solidario "Intro para todos" , que ten por obxectivo mellorar a usabilidade e accesibilidade de ordenadores da aula CeMIT, a través dun dobre desafío:

  • Atopar un sistema de autenticación alternativo para os PCs da aula CeMIT, adaptado a persoas con necesidades específicas (persoas maiores, persoas con discapacidade intelectual), con ou sen competencias en lectoescritura.
  • Desenvolver un perfil de escritorio accesible cognitivamente, mediante a presentación en pictogramas, das principais ferramentas e aplicacións utilizadas polas persoas con discapacidade intelectual (PcDI).

Trátase de dar forma, propor e desenvolver unha ferramenta, baseada en software libre, que permita facer realidade este reto.

Banner do hackatón

A convocatoria para participar neste hackatón está aberta a programadores, deseñadores, estudantes, emprendedores e en xeral calquera persoa con interese en colaborar nesta iniciativa solidaria, que poida achegar ideas no seu deseño, definición e/ou desenvolvemento. Aínda é posible apuntarse durante todo o día de hoxe a través da web http://cemitpadron.blogspot.com.es.
A xornada comezará ás 9:00 horas coa exposición e intercambio de ideas e a composición dos grupos de traballo. Tras varias sesións de traballo e networking, cada equipo desenvolverá un prototipo e unha demostración do mesmo que avaliará un comité de expertos. Este ditaminará cal será o prototipo elixido para ser implantado e validado nos ordenadores da aula CeMIT de Padrón, con posibilidade de amplialo a toda a Rede CeMIT. Así mesmo, crearase unha comunidade de desenvolvedores que continuará propoñendo e implementando melloras no desenvolvemento seleccionado, tras o seu testeo por parte dos usuarios destinatarios do mesmo. O Hackaton finalizará ás 19:45 horas.

CeMIT-Innova

Este hackatón é organizado polo Concello de Padrón (A Coruña) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e conta tamén coa colaboración da Asociación AMIPA.

Trátase dunha iniciativa piloto enmarcada no proxecto CeMIT-Innova, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con Fundetec, para que a innovación social dixital poida dar resposta aos desafíos sociais locais, servíndose das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de modelos de colaboración en rede.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal