Mancomún

I MiniNo DevConf, xuntanza de desenvolvedores de GALPon MiniNo

Luns, 25 Outubro 2010

GALPon MiniNo DevConfO equipo de coordinación do desenvolvemento de GALPon MiniNo convoca a "I MiniNo DevConf".

Esta primeira xuntanza de desenvolvedores de GALPon MiniNo terá lugar o vindeiro día 6 de novembro de 9:00 a 14:00 horas, na aula de formación da empresa TEGNIX, en Vigo. Durante o transcurso da mesma, os coordinadores exporán a súa visión e os seus proxectos para a próxima versión de GALPon MiniNo v 2.0 baseada en Debian Squeeze a fin de avaliar os distintos eidos de traballo cara a conseguir unha mellor coordinación e efectividade.

A esta xuntanza están convidados todos os que dun xeito ou outro forman parte, ou desexen formar parte, da familia do gatiño, co desexo de procurar un equipo máis independente dos actuais coordinadores, a fin de harmonizar un equipo de traballo que poida garantir o seu futuro.
Aposta galega pola sustentabilidade e reciclaxe TIC

GALPon MiniNo é unha distribución GNU/Linux desenvolvida para executarse en equipos con poucos recursos hardware. Segundo palabras dun dos seus desenvolvedores, Miguel Bouzada, durante a presentación da última versión GALPon MiniNo Alguadaira, celebrada o pasado 18 de setembro en Mugardos, "trátase dunha distribución que non pretende ser unha solución ultra rápida para equipos de última xeración, senón que buscar ser razoablemente útil en computadores moi antigos e con baixos recursos".

É dicir, é unha aposta pola sustentabilidade e reciclaxe TIC, en aras da redución do lixo hardware que se acumula no noso planeta a velocidades vertixinosas, ademais dunha proposta para a alfabetización TIC con baixo recursos.

GALPon MiniNo vén de ser recentemente incluída en Distrowatch.

Esta xuntanza encádrase dentro da actividade de potenciamento e difusión do proxecto de solidariedade social GALPon MiniNo que a asociación GALPon desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Fonte: GALPon

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal