Mancomún

I Noite Drupal e GNU/Linux en Mugardos

Luns, 4 Abril 2011
Cartel da I Noite DrupalA asociación Comunidade O Zulo de Mugardos, organiza para o vindeiro día 15 de abril, a I Noite Drupal & GNU/Linux no Concello de Mugardos.

Consiste nun encontro-foro onde promocionar e compartir coñecementos e experiencias no ámbito de desenvolvementos web e sistemas abertos libres, a través de charlas, obradoiros e debates. A través deste encontro, os organizadores pretenden crear un espazo dinámico de referencia de innovación, dinamización e intercambio de coñecemento no Concello de Mugardos, fomentar o uso de tecnoloxías libres a abertas no desenvolvemento web así como crear un colectivo ou "comunidade" itinerante de intercambio de coñecementos libres, ensinando e sobre todo aprendendo.

Segundo se pode ler no anuncio deste encontro, partirase dun formato aberto e dun caso práctico moi sinxelo para entre todos tentar darlle forma nas cinco horas que durará o evento. A noite dividirase en varias partes que terán unha sesión introdutoria a modo de charla informal breve sobre un tema en concreto, dende a presentación das tecnoloxías a empregar ata os "hacks" e configuracións que acheguen os asistentes.

Utilizarán a web, as redes sociais e unha plataforma LMS Moodle para rexistrar as achegas desta xornada.

Programa provisional

  • "Cociña rápida: Tapa de Drupal, media de GNU/Linux e sitio web levantado.".
  • "10 Módulos de Drupal que non coñecías."
  • "Image Cache en Drupal".
  • "O meu primeiro módulo en Drupal".
  • Securizando un servidor web en GNU/Linux.
  • Bazaar: controlando versións como newbies.

¡Quero asistir!¡Quero aprender!¡Quero ensinar!

Como dixemos, este encontro terá lugar o vindeiro día 15 de abril, dende as 22:30 ata as 3:30 horas na Sala de Conferencias da Casa de cultura do Concello de Mugardos.

A organización do evento está convencida de que o coñecemento libre e compartido é unha peza fundamental para a o desenvolvemento dunha sociedade libre e xusta polo que animan a todos a asistir ao evento.

O aforo máximo é de 30 persoas e a inscrición está aberta dende o pasado venres día 1 de abril.

Os participantes aos que vai dirixida deberán ter coñecementos medios e avanzados coa finalidade de poder realizar achegas e participar activamente no encontro. Cada asistente recibirá na súa caixa de correo as credenciais de acceso á plataforma Moodle que servirá de punto de encontro documental para a "Noite Drupal & GNU/Linux"

As novas relacionadas con este evento publicaranse no twitter da Asociación, empregando o hashtag en twitter #noitedl, e ocasionalmente no seu espazo en Facebook.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal