A asociación MeLiSA organiza a I Xornada de Usuarios R en Galicia para o vindeiro día 10 de outubro.
Esta xornada nace co obxectivo de xuntar a toda a comunidade de usuarios de R nun mesmo foro en Santiago de Compostela, coa intención de pór en común as experiencias e os traballos que se están a realizar na nosa comunidade autónoma e, deste xeito, ter unha visión global das oportunidades e os campos de acción desta ferramenta e interactuar persoalmente cos profesionais que están a utilizala.
A xornada celebrarase no CNTG de 10:00 a 19:00 horas e contará coa participación de importantes profesionais do sector da saúde, universitario, investigador e empresarial que son referencia en Galicia no uso deste software, e está aberta a que calquera persoa interesada en coñecer R poida asistir e participar na mesma.
R é un software multiplataforma, orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos. Actualmente considérase a lingua franca do analista de datos e estase a utilizar en numerosos campos relacionados, dun ou doutro xeito, coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, …). R ten unha dobre natureza de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
O programa provisional da xornada é o seguinte:
SESIÓN DE MAÑÁ
- 09:30 – 10:00 Chegada de asistentes, e recollida de material
- 10:00 – 10:15 Acto oficial de presentación
- 10:15 – 10:30 ¿Uso de software libre nunha empresa? R e as súas posibilidades en BiostaTech S.L. – Mónica López Ratón
- 10:30 – 10:45 Utilización do software R nunha oficina de estatística pública – María Martín Vila
- 10:45 – 11:00 R como ferramenta de traballo nunha Unidade de Investigación Biomédica – Teresa Seoane
- 11:00 – 11:15 Estimación da biodiversidade mariña – Miguel Branco
- 11:15 – 11:45 Investigación con R nun ámbito universitario e interdisciplinar. A visión dende o GRIDECMB – Laura Calaza e Roberto Domínguez
- 11:45 – 12:30 Pausa café
- 12:30 – 13:00 Control de calidade con R – Salvador Naya
- 13:00 – 13:30 (Título pendente de confirmar) – Eduardo San Miguel Martín
- 13:30 – 14:00 Análise de datos funcionais en R coa librería fda.usc – Manuel Oviedo
SESIÓN DE TARDE
- 16:30 – 17:30 Mesa redonda: “Oportunidades de negocio con R“
- 17:30 – 19:00 Taller práctico
- 19:00 Peche da Xornada
A asistencia á xornada é totalmente de balde, pero é preciso inscribirse.
Esta xornada está organizada por MeLiSA (Asociación de Usuarios e Software Libre de Terra de Melide), conta coa colaboración do CNTG, a OSL do CIXUG, e forma parte das actividades que Melisa realizada ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
