O Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia (Rúa Miguel Ferro Caaveiro s/n – San Lázaro – Santiago de Compostela) acollerá o vindeiro día 17 de novembro a expertos do sector TIC nunha xornada de traballo e posta en común centrada en estudar como afecta o software libre aos sectores industriais dende unha perspectiva en torno a modelos de negocio e dirección de empresas.
Esta iniciativa, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, baixo o título (R)Evolusion, cara modelos de negocio baseados en solucións TIC de código aberto, servirá para situar o contexto do software libre, as súas características como produto e o mercado que existe ao seu redor.
As tecnoloxías de software libre teñen unhas determinadas características especiais que as diferencian á hora da súa produción e distribución, sendo moi importante coñecelas e ter en conta para avaliar o impacto dende un punto de vista de empresa e negocio. O software de código aberto está a converterse no motor de cambio do emerxente sector TIC en Galicia, dende a súa estrutura, até as estratexias competitivas levadas a cabo polas empresas, de xeito que está a marcar un punto de inflexión moi importante na evolución do mercado.
Na xornada, dirixida a empresas de todos os sectores e emprendedores en xeral, poderanse ver as diferencias dos ciclos de vida dun produto de software aberto en contraposición cun de software pechado, tamén incidirase en casos concretos de empresas baseadas en software libre e cuestións relativas a este novo modelo de negocio.
A xornada estrutúrase en dúas sesións. Sesión de mañá (de 10 a 14 horas) aberta ao público en xeral e sesión de tarde (de 16 a 20 horas) aberta ao sector profesional. A asistencia é libre e gratuíta previa inscrición a través do formulario habilitado ao efecto en AGASOL.
Trataranse temas como a publicación de código e licenciamento, os modelos de negocio de empresas de software libre ou a xestión de comunidades de desenvolvemento para o que se contará coa presenza de profesionais de recoñecido prestixio.
Expertos convidados
Agustín Benito Bethencourt: Exerce como coordinador de ASOLIF, a Federación Española de Asociacións de Empresas de Software Libre .
José María Lancho Rodríguez : Avogado e escritor adicado ao eido do dereito das novas tecnoloxías. Na actualidade é o Presidente de Hispalinux, a maior asociación en lingua española de usuarios e desenvolvedores de software libre. É autor de traballos que tratan os problemas relativos ao software libre, os riscos das novas tecnoloxías de control social, a neutralidade tecnolóxica e de rede, as patentes de software, entre outros. Foi un dos fundadores de Observatorio de neutralidade tecnolóxica, un proxecto para fomentar a neutralidade tecnolóxica nas administracións públicas.
Javier Vázquez: COO en eBox Technologies. Foi Presidente de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e Business manager, co-fundador de Igalia, así como Secretario en Eganet (Asociación de empresas galegas que desenvolven software e ou servizos TIC).
Fernando Vázquez. Na actualidade Director Xeral de Imatia, foi fundador do grupo DASA da Universidade de Vigo, un dos grupos máis activos na colaboración empresa-universidade. Ocupou durante máis de tres anos o cargo de Director de I+D da Universidade de Vigo, e responsable da OTRI (Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación) e da OFIE (Oficina de Fomento de Iniciativas Empresariais).
Durante a xornada articularanse grupos de traballo destinados a tratar cuestións relativas a diferentes ámbitos sobre como as tecnoloxías de código aberto están a mudar e provocar novos modelos de negocio, como sacar o maior proveito do traballo colaborativo participando activamente no libramento de código fonte, cales son os aspectos a ter en conta en todo o relacionado a aspectos legais, cultura e comportamento. Cada experto convidado á xornada participara en cada grupo de traballo, podendo os participantes compartir experiencias e reflexións.
Ao final da xornada trataranse a modo mesa redonda os aspectos mais relevantes tratados en cada un dos grupos.
Pode obterse máis información no o dossier da I Xornada Revolusion.
Fonte: AGASOL
