EyeOs está escrito principalmente en PHP e XML, e actúa como unha plataforma para aplicativos web escritos empregando o EyeOS toolkit. Inclúe un contorno de escritorio e máis de 60 aplicativos e ferramentas do sistema, incluíndo software de ofimática e xestión da información persoal.

Recentemente anunciouse no blog do proxecto EyeOS que o xigante informático IBM usará EyeOS como plataforma base de servizos na nube na nova edición da serie System Z Solution Edition for Cloud Computing.
System Z é a marca que IBM utiliza para producir os seus servidores mainframe, empregados arredor do mundo por gobernos, grandes empresas e milleiros de organizacións.
Pódense ler máis detalles acerca desta colaboración entre o proxecto EyeOS e IBM na páxina que o proxecto puxo dispoñíbel para tal fin en ibm.eyeos.org.
