Mancomún

Igalia celebra o seu 10º aniversario

Mércores, 23 Novembro 2011

Logotipo do aniversario de IgaliaIgalia, unha das empresas galegas de referencia no sector TIC, non só no ámbito galego senón tamén no ámbito internacional celebra hoxe o seu décimo aniversario, o que sen dúbida pode considerarse como unha proba de que o modelo de negocio con software libre é unha fórmula de éxito na facturación, pero tamén na integración coa comunidade.

En setembro de 2001, un grupo de xoves profesionais, algúns deles recén titulados, pero todos eles xa cunha crecente traxectoria no mundo do software libre decidiron constituír unha empresa na que puideran sentirse como se traballasen nun proxecto de software libre, unha empresa baseada nas persoas, no talento, na colaboración, na neutralidade, … e con base nestes principios herdados das comunidades de software libre naceu Igalia.

Durante estes 10 anos de vida, Igalia foi medrando aplicando o seu particular modelo de empresa, cooperativa asemblearia, e seguindo unha política de crecemento baseada no sentido común e a sustentabilidade. Así cando Igalia acolle a un novo compañeiro agarda que siga un camiño ben definido ata converterse en socio e lexítimo copropietario da empresa.
Hoxe Igalia ten dúas oficinas en Coruña e Pontevedra e 16 das 44 persoas que conforman esta gran familia traballan dende as súas casas dende diversos lugares do mundo como Barcelona, Helsinki, Bruxelas, Madrid, San Francisco, Boston, Ourense, Sevilla, Terrasa e Santiago de Compostela.

Dende o seu nacemento, Igalia centrouse na calidade dos proxectos para os seus clientes, cubrindo tanto as súas expectativas como os requirimentos técnicos e legais dos mesmos ao tempo que promovía o software libre. Son 10 anos de sinceros esforzos cara a definición de entregables de calidade, a correcta estimación de custes e de tempo así como o establecemento de contornos de traballo transparentes para o cliente, ao que involucran en cada etapa do proxecto. E sen dúbida esta é unha das chaves do éxito desta empresa, o seu bo facer e o seu constante compromiso coa calidade por encima de todo, e o que os levou a converterse en expertos recoñecidos internacionalmente con experiencia en moitos proxectos libres.

Para celebrar todo o conseguido durante estes dez anos, Igalia prepara unha gran festa para esta noite na súa oficina principal en Coruña, para compartir con familiares, amigos, hackers, clientes, colaboradores, alumnos, mestres, socios e todas aquelas persoas que contribuíron a que Igalia se convertera no que é hoxe en día.
A festa dará comezo ás 20:00 horas e incluirá un buffet de comida variada e bebida, onde a xente poderá charlar e coñecerse, así como unha charla sobre Igalia da man de Xavier Castaño, quen falará da súa historia para que os convidados á festa poidan saber algo máis do que é esta empresa.

Haberá tamén un pequeno museo de móbiles e dispositivos nos que a firma traballou nestes dez anos, con aplicacións de demostración instaladas para os que queiran xogar un anaco. Poderán verse tamén os logotipos antigos, recortes de prensa sobre Igalia, camisetas, o seu primeiro cheque, gráficos da súa evolución e liña do tempo. Proxectarase de xeito continuo vídeos de todo tipo de eventos nos que Igalia ten participado, incluídos algúns de coleccións persoais que nunca se viran en público. Ademais as paredes estarán adornadas cunha completa exposición de fotografías que tentarán dar unha visión dunha década de compañeirismo e colaboración.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal