Igalia, unha das empresas de referencia no sector TIC, non só no ámbito galego senón tamén no ámbito internacional acaba de cumprir oito anos. A empresa, de espírito asambleario, é unha proba de que o modelo de negocio con software libre é unha fórmula de éxito na facturación, pero tamén na integración coa comunidade.
Durante todo este tempo, Igalia non deixou de levar a cabo tarefas de todo tipo para a promoción e difusión do software libre, como o “Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira (PFC) con Software Libre” xurdido no ano 2007 para fomentar o coñecemento e a participación dos universitarios galegos no software libre (no cal colaboraron as distintas universidades galegas e Mancomún desde un comezo), e máis o “Máster en Software Libre” que organizan xunto coa Universidad Rey Juan Carlos.
Ademais, o seu compromiso social abrangue moito máis que só iniciativas externas, e así os seus traballadores gozan de diferentes vantaxes sociais, como teletraballo ata 15 horas semanais, horario flexíbel, clases de inglés gratuítas, seguro de saúde privado, subsidio para gastos de gardería durante tres anos para os membros que teñan fillos, etc…
En Mancomún, desde hai tempo, tamén vimos facéndonos eco dos fitos dos seus traballadores e membros, cos distintos proxectos persoais que levan a cabo, como é o caso de Vagalume , reprodutor multimedia para dispositivos móbiles que no se día chegou a ser finalista dos premios “Mobile Rules! Awards” na categoría de aplicativos multimedia.
Máis información nas distintas novas aparecidas en Mancomún:
http://www.mancomun.org/ferramentasdoportal/buscador/
