Igalia ofrece dúas vacantes para unirse ao seu equipo de desenvolvedores para realizar prácticas de verán ou cunha bolsa de colaboración para estudantes.
A realización destas prácticas en Igalia está aberta a todos aqueles estudantes de titulacións en informática, ciencias da computación ou similares e que teñan máis do 50% dos créditos superados.
Terán preferencia aqueles con coñecementos demostrables e compromiso co Software Libre. Requírese dominio de inglés escrito.
No caso das prácticas de verán realizaranse un total de 350 horas, cunha contraprestación de 1.600€ e no caso da bolsa de colaboración definirase a duración da colaboración e a conseguinte contraprestación económica en función do interese e posibilidades da persoa seleccionada e do proxecto proposto, ofrecendo un máximo de 4.000€.
A continuación recollemos as condicións, requisitos e instrucións de solicitude para ambos tipos de colaboración:
Prácticas de verán
A candidata ou candidato seleccionado para realizar as prácticas de verán deberá adicar un total de 350 horas, entre xuño e setembro, en horario e localización flexibles, cun máximo de 8 horas diarias. Como contraprestación, Igalia ofrece unha axuda económica de 1.600€.
Durante este período debería realizar o port de cando menos unha aplicación de WebKitGTK+ 1 a WebKitGTK+ 2 e crear unha guía ou “how-to” dos pasos que debe seguir un desenvolvedor que queira portar o seu aplicativo Webkit1 a Webkit2.
Os interesados deberán remitir a súa solicitude a través do formulario de contacto habilitado no portal web de Igalia: http://www.igalia.com/about-us/internship-form antes do 8 de maio de 2014.
Bolsa de colaboración de estudante
Neste caso, ademais dos requisitos anteriores, os candidatos interesados deben ter un bo dominio do inglés oral, un histórico de contribucións activas a cando menos un proxecto de sofware libre e a capacidade de traballar de forma autónoma.
A persoa seleccionada uniríase a un dos equipos de desenvolvemento de Igalia para realizar contribucións upstream a Webkit, Blink ou GNOME.
Recoméndase que as persoas interesadas remitan propostas de proxectos na súa área de interese.
A diferencia das prácticas de verán, neste caso, tanto a data de inicio como a duración desta bolsa de colaboración son flexibles, así como o horario de traballo, contando só coa limitación de 8 horas diarias. A contribución ofrecida por Igalia é de 4.000€
Os interesados deberán remitir a súa solicitude a través do formulario específico habilitado tamén no portal web de Igalia: http://www.igalia.com/about-us/collaborating-student-form xuntando a proposta de proxecto no que traballar como un documento xunto.
