Mancomún

II MiniNo DevConf en Vigo

Mércores, 2 Novembro 2011

MiniNo DevConfO equipo de coordinación do desenvolvemento de GALPon MiniNo convoca a II MiniNo DevConf para o vindeiro día 5 de novembro en Vigo. O obxectivo desta reunión de desenvolvedores e colaboradores do proxecto MiniNo é analizar a proposta de obxectivos definida para a próxima versión 2.0 da distro GALPon MiniNo.

GALPon MiniNo é unha distribución GNU/Linux que en palabras dos seus desenvolvedores: “non pretende ser unha solución ultra rápida para equipos de última xeración, senón que busca ser razoablemente útil en computadores moi antigos e con baixos recursos”. Aínda que as actuais versións de MiniNo cobren este obxectivo, o equipo de desenvolvemento quere poñerse mans á obra cunha nova versión na que afinar certos aspectos para facela máis sinxela, usable e fácil de manter.
Un destes aspectos a discutir será a decisión de realizar unha versión “Rolling” de MiniNo, recollido no documento base de discusión dos obxectivos de MiniNo 2.0 :

Temos que aceptar o feito de que manter unha distribución é algo que absorbe moitísimo tempo. Tempo que tomamos de noso lecer, tempo de estar coa nosa familia, de estar cos nosos amigos, tempo que quitamos do sono, tempo de adicar a coidarnos a nós mesmos (Ola, Cervicais, que tal se ergueron hoxe?)… en definitiva, o que queremos dicir é que non podemos permitirnos o luxo de dar máis puntadas sen fío. Esta versión debe ser o máis duradeira posible e isto pasa por tentar convertela nunha versión «rolling» ou estancarnos en Lenny por sempre (tal e como fixo DamnSmall con Debian Woody).

Presentación de PicarOS

Durante esta xuntanza realizarase a presentación da proba de concepto ou a versión Alpha de PicarOS, unha nova distribución concibida e orientada ao seu uso por menores de 12 anos, que tentará cubrir as súas necesidades tanto en ambiente escolar (ciclo de primaria) como doméstico (lúdico formativo) co obxectivo de que poida ser empregada tanto en computadores obsoletos como na nova corrente de equipamento con netbooks, incluíndo os modelos con pantalla táctil.

Aposta galega pola sustentabilidade e reciclaxe TIC

Tanto GALPon MiniNo como PicarOS son unha aposta pola sustentabilidade e reciclaxe TIC e unha proposta para a alfabetización TIC con baixo recursos.

Esta xuntanza encádrase dentro da actividade de potenciamento e difusión do proxecto de solidariedade social GALPon MiniNo que a asociación GALPon realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal