
Dende GALPon infórmannos que, recollendo a testemuña dos compañeiros da Comunidade O Zulo de Mugardos da primeira experiencia da “I noite drupal&gnu/linux”, póñense en marcha para organizar a II noite drupal&gnu/linux.
Esta segunda edición celebrarase en "a cova dos ratos" na rúa Romil, nº 3 de Vigo o venres 1 de xullo desde as 22:30 ata as 5:30 da madrugada e terá como proxecto a realización dun proxecto de creación dun sitio web para as bibliotecas de murchante, cascante e ablitas, en resposta á proposta de mestres de varios colexios de Nafarroa (Navarra). O detalle do proxecto pode verse no documento compartido en google. Galpon destaca que está previsto que toda a «noite» sexa retransmitida a través de dous puntos de fluxo de vídeo (streaming), un coa imaxe e o son do entorno e outro no que seguir a pantalla de proxección interna, na que se irán vendo as actividades sobre o servidor (terminais, consolas, etc…) presentacións e/ou documentacións dos participantes, así como as vistas previas que se vaian facendo. Isto requirirá que os que queiran seguilos deberan ter abertas dúas instancias de VLC (ou o que prefirades) adicando cadansúa ao seu URL correspondente.
A infraestrutura a empregar para o desenvolvemento será a mesma infraestrutura que xa xeraron, no seu momento, os compañeiros de O Zulo. Así as inscricións, que se abrirán o vindeiro domingo 12 de xuño, faranse a través do formulario de inscrición da web de comunidade O Zulo e empregarase a plataforma Moodle durante a Noite.
Nesta edición contan co apoio económico e técnico da empresa TEGNIX.
