Galite, o Grupo Asociado pola Libre Información e a Tecnoloxía, anuncia que o vindeiro sábado 24 de abril, dende as 12:00, celebraranse na Casa da Xuventude de Foz as II Xornadas de software libre.
Nesta ocasión as xornadas constarán de tres relatorios, aos que poderá asistir calquera persoa con interese en afondar nas tecnoloxías libres, xa que a entrada é gratuíta.
- Ás 12:00 horas inauguraranse as xornadas co relatorio Software libre como alternativa económica, dirixido a achegar ás pemes as alternativas TIC libres existentes para aumentar a súa competitividade a un custo menor. Veranse aplicativos como Sugar CRM, OpenBravo ou SdSimple, aplicativo moi básico para a realización de facturas dunha forma rápida e sinxela.
- A seguir, ás 13:00 horas impartirase o relatorio dirixido ao público en xeral, Comezando con GNU/Linux. Tratarase de dar unha visión de conxunto de como traballar nun contorno libre co sistema operativo Ubuntu.
- Xa para rematar a xornada, ás 16:00 horas comezará a Introdución ao deseño con ferramentas libres. Farase unha introdución ao deseño gráfico a través aplicativos con licenza libre como Gimp, para o retoque fotográfico; Inkscape, para o deseño vectorial; e Scribus para a maquetación.
Dende Galite anímanvos a asistir para compartir unha xornada de opinións e experiencias por parte de todos.
Fonte: Galite
