Mancomún

II Xornadas de Xestión de Empresas con Software Libre no CDTIC

Xoves, 25 Outubro 2012

O Centro Demostrador TIC acollerá o vindeiro martes 06 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas as “II Xornadas de Xestión de Empresas con Software Libre”.

O obxectivo da xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto permite, como se puido ver na pasada LSWC, un aforro no investimento TIC ademais de contribuír a xerar negocio entre as empresas TIC locais mellorando a economía galega.

Logo do CDTICDurante esta xornada tres empresas galegas amosarán diversas solucións tecnolóxicas da man de emrpesas de referencia en Galicia que compartirán cos asistentes a súa experiencia no uso destas solucións e ferramentas con licenza libre.

A xornada comezará coa intervención da empresa Conexiona quen presentará un sistema de xestión intelixente das comunicacións baseado en Asterisk, a continuación Igalia amosará a ferramenta colaborativa LibrePlan para planificar, monitorizar e controlar proxectos nas empresas. Pechará a xornada Queres Tecnología, que exporá as claves do xestor documental Alfresco, para que as empresas colaboren e xestionen eficazmente a información corporativa.

Os casos de éxito de implantación e uso destas solucións virán da man das empresas Begano e Hijos de Rivera, que compartirán cos asistentes a súas experiencia.

O programa completo é o seguinte:

  • 10:00 – 10:20 Presentación da xornada demostradora e do CDTIC
  • 10:20 – 11:15 Plataforma para centralita telefónica pbx asterisk.
    • José Antonio Losas, Director comercial en CONEXIONA. Xestión intelixente das comunicacións e integración cos sistemas de xestión empresarial a través da solución EXIACORE – PBX Asterisk
    • Manuel Varela, Director de sistemas da información en BEGANO. Caso real de implantación: Integración mediante EXIACORE-PBX Asterisk co sistema de xestión empresarial ERP-CRM e dispositivos IP.
  • 11:45 – 12:30 Aplicación web para planificación, motorización e xestión de proxectos: LibrePlan
    • Javier Morán, IGALIA. Demostración de LibrePlan como ferramenta colaborativa para planificar, monitorizar e controlar proxectos mediante unha interfaz web rica.
  • 12:30 – 13:30 Sistema de xestión documental Alfresco
    • Víctor Fariña, CEO de QUERES TECNOLOGÍA. Demostración de Alfresco como ferramenta que permite ás empresas xestionar e colaborar eficazmente coa información corporativa.
    • Maria del Carmen Dopazo Freiría, Responsable Proxectos en HIJOS DE RIVERA, S. A. Caso real de implantación de Alfresco para a xestión de fluxos de facturas a través de dispositivos móbiles iPad e iPhone
  • 13:30 – 14:00 Rogos e preguntas

A sesión vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos e/ou xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.

A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/node/505), onde tamén poderá consultar o programa completo da Xornada Demostradora.

Agardamos que a Xornada sexa do seu interese.

AMTEGA APOSTA POR EMPRESAS DIXITAIS E INNOVADORAS

A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, ten entre os seus obxectivos facer máis competitivas ás empresas mediante a incorporación efectiva de novas tecnoloxías aos seus modelos de negocio.

Para acadar este obxectivo, a AMTEGA, puxo en marcha o Centro Demostrador TIC de Galicia, CDTIC, co obxectivo de achegar solucións tecnolóxicas innovadoras aos empresarios mediante medidas sensibilizadoras para difundir o seu coñecemento e xerar confianza, acreditando o impacto positivo que a integración das TIC supón na súa produtividade e competitividade

Así mesmo, o Plan de Acción en materia de Software Libre 2012 é un plan transversal dentro das actuación postas en marcha dende a AMTEGA, que ten como obxectivos impulsar unha oferta de solucións baseadas en software libre de calidade, as cales poidan ser difundidas en calquera ámbito e sector de actuación.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal