A semana pasada celebrouse en Madrid, na sede de “Madrid on Rails”, centro de innovación do concello de Madrid, a II xunta directiva de ASOLIF (Asociaciones de Software Libre Federadas).
Neste encontro, de carácter interno, participou tamén o presidente da asociación galega AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre), Roberto Brenlla, que así o comunica no seu blogue:
“Este encontro ten un dobre obxectivo. Por unha banda permitirá que, dado o espectacular crecemento no número de empresas incorporadas ás diferentes Asociacións que compoñen ASOLIF, os seus representantes e directores técnicos poidan coñecerse e realizar actividades de networking, consolidando o movemento empresarial arredor do software libre en España.
Pola outra banda, terán lugar diferentes actividades orientadas ao deseño e redacción de proxectos conxuntos, que se desenvolverán en comunidade utilizando software e contidos libres.”
ASOLIF conta na actualidade con algo máis de 160 empresas pertencentes ás diferentes asociacións federadas, polo que aspira a que este sexa o encontro empresarial máis importante celebrado en España arredor do software libre."…
Á xuntanza tamén acudiron representantes de cinco comunidades internacionais de desenvolvedores de software libre con presenza en España, consultores que xeraron proxectos de software libre para a administración pública, o sector turístico e de I+D e representantes de institucións públicas como o director xeral de Red.es, Sebastián Muriel; ou o director xeral do CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación de las TIC).
Participaron tamén, o presidente da Asociación de Empresas de Software Libre de Portugal, Gustavo Carvalho; o director da Oficina de Software Libre da Universidad La Laguna de Tenerife, Rodrigo Trujillo, e representantes de empresas do sector tecnolóxico como Nokia e Google.
