Por terceiro ano consecutivo, coincidindo coa triple festividade do Día das Letras Galegas, Día de Internet e Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, a Rede de Dinamización pon en marcha o III Concurso de iniciativas co obxectivo de promover o uso das Novas Tecnoloxías no noso idioma.
Como nas anteriores ocasións, os proxectos presentados polos dinamizadores da Rede deben encadrarse nalgunha das seguintes categorías: empresa, muller, maiores, persoas con discapacidade, asociación, poboación en xeral, e software libre.
Na categoría de software libre, nesta edición do concurso, hai unha iniciativa presentada pola dinamizadora do Centro de Pontevedra co título "Papiroflexia". O obxectivo é a promoción de diferentes formas de ocio na xuventude a través da aprendizaxe do software libre…
Nesta actividade propónselle aos participantes que, durante o mes que dura a actividade, creen unha videomontaxe con figuras de papiroflexia empregando para iso distintas ferramentas libres.
Na primeira semana aprenderán a facer as figuras a través da procura de información nos buscadores de páxinas Web e portais de vídeo. Os seus traballos, asemade, quedarán publicados en diferentes ferramentas de Internet (blogues, portais de vídeos, páxinas Web, …), para o que deberán escanear as súas figuras e retocalas co programa de retoque fotográfico GIMP.
Na segunda semana, escribirán unha historia co procesador de textos Writer e logo gravarán coas súas voces a historia empregando o programa Audacity. Tamén empregarán a cámara dixital para fotografar os seus traballos e volverán a utilizar o GIMP.
Na terceira semana, buscarán en Internet música libre (sen dereitos de autor) e iniciaranse no emprego de creación de vídeo a través do programa Kdenlive.
A cuarta semana, estará dedicada aos retoques do conto da videomontaxe e recibirán unha charla sobre os perigos de Internet así como consellos para empregar ben esta ferramenta para sacarlle todo o proveito utilizando como exemplo páxinas web creadas para eles.
Mais información: Rede de dinamización
