Por terceiro ano consecutivo, a Oficina de Software Libre da USC colabora coa Comisión de Normalización Lingüística da Escola Superior de Enxeñaría e co Servizo de Normalización Lingüística para organizar o "III ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre".
Como en anteriores edicións, o ETSE Open de SL/ Fiadeiro de localización de software libre fornecerá formación técnica para a galeguización de software libre ao tempo que contribúe a impulsar a comunidade universitaria de localización, o uso do galego e o coñecemento e o uso do software libre na USC.
O fiadeiro contará con 6 horas de formación técnica impartida por algúns dos máximos referentes nesta materia da nosa comunidade como son:
- Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo de tradución ao galego de Mozilla e coordinador da Oficina de Software Libre da USC
- Francisco Diéguez, coordinador do equipo de tradución ao galego de GNOME e técnico da Oficina de Software Libre da USC
- Antón Méixome, coordinador do equipo de tradución ao galego de LibreOffice e OpenOffice ao galego e lingüista no Concello de Dodro
Esta formación terá lugar os días 29 e 31 de marzo de 12:00 a 15:00 onde o profesorado explicará como se localiza software dun xeito moi práctico, enfrontándose conxuntamente á tradución dunha pequena aplicación, o que dará pé a explicacións e resolución de dúbidas.
Logo desta formación técnica, terá lugar o día 2 de abril de 10:00 a 19:00 horas a Xornada de localización e lecer na que os asistentes poñerán en práctica por parellas todos os contidos aprendidos traducindo algún aplicativo pequeno ou un conxunto de cadeas de aplicativos con maior volume de cadeas. Dado que se trata dunha actividade continuada, haberá petiscos, bebidas e música para facer descansos a media mañá e a media tarde. Haberá tamén un lixeiro xantar común ofrecido pola organización.
O Lugar de celebración do curso será no Monte da Condesa, Departamento de Electrónica e Computación (Entrada pola rúa Xoaquín Díaz de Rábago, fronte ao Estadio de Atletismo) nas aulas I 8 (días 29 e 31) e I 5 (día 2).
O curso é gratuíto e a matriculación farase por estrita orde de inscrición. A matriculación formalízase a través da Secretaría Virtual da USC ata o 24 de marzo.
Avaliación, recoñecementos e premios
- Diploma de asistencia á actividade (por 15 horas). Haberá controis de asistencia en todas as sesións. Cómpre acreditar a asistencia ao 80% das horas.
- Constancia da experiencia de tradución da aplicación encomendada.
- Constancia nos créditos da aplicación localizada dos seus autores ou autoras.
Haberá tamén un premio «Máis e mellor» para aquel equipo que sexa quen de traducir máis cantidade de cadeas e coa maior calidade. Entregarase un diploma acreditativo e unha dotación económica de 0,10 euros por palabra única traducida correcta. O premio farase público no mes de maio de 2011.
