O Servizo de Sistemas de Información Xeográfica e Teledetección (SITGE) de Girona organiza por terceiro ano consecutivo as Xornadas de SIX libre que terán lugar os vindeiros días 11, 12 e 13 de marzo.
Estas xornadas naceron no 2005 coa intención de organizar xornadas de software libre no campo dos sistemas de información xeográfica e, debido ao éxito acadado , xa van polo terceiro ano e con moi boas perspectivas de futuro. O programa deste ano inclúe sesións plenarias a cargo de destacados membros da comunidade de software libre con especial vinculación cos SIX, relatorios de empresas e institucións da comunidade internacional, presentación de pósters e obradoiros.
Revisando o programa atopamos que hai unha boa representación da comunidade galega grazas ás contribucións do laboratorio CartoLAB da Universidade da Coruña que presenta dúas comunicacións e un póster, nomeado: SDIAnalyzer: un aplicativo para o estudo de IDE, adaptación de SIX Libre para a mellora do rendemento de tarefas cartográficas, e software libre e SIX para programas de cooperación e desenvolvemento en Honduras e da empresa galega SIGNO Ingeniería del Territorio, empresa membro de AGASOL, que presenta a comunicación titulada Servizos web con funcionalidade xeográfica como ferramentas para a análise e xeración de información estratéxica nas organizacións.
As sesións plenarias correrán por conta de destacados membros da comunidade de software libre con especial vinculación ao ámbito dos SIX como Alfons Cornella -presidente de Infonomia; Simon Jirka do 52º North Initiative for Geospatial Open Source Software; Malcolm Bain socio cofundador do despacho de avogados ID Law Partners, especializado en dereito da propiedade intelectual, industrial e das novas tecnoloxías e con sede en Barcelona; Chris Holmes, presidente de OpenGeo, división espacial de The Open Planning Project e Enric Rodellas da Autoridade Portuaria de Barcelona. A última delas correrá por conta do Richard Stallman que falará sobre o perigo das patentes de software.
Finalmente, durante o venres 13 de marzo ofreceranse 6 obradoiros repartidos entre a mañá e a tarde cunha duración de 4 horas cada un ,baseados en Quantum GIS, Kosmo, MapGuide, OSGeonetwork, OpenLayers e programación sobre gvSIG. Aquelas persoas que se inscribiron nas xornadas coa opción de asistiren aos obradorios poderán escoller un pola mañá e outro dos da tarde.
Fonte: SITGE
