A OSL da UDC organiza para os vindeiros días 30 de novembro e 1 e 2 de decembro de 2011 de 17:00 a 20:00 horas as III Xornadas de Software Libre e GNU/Linux dirixidas fundamentalmente aos alumnos noveis da Facultade de Informática ou doutras carreiras técnicas. As xornadas terán lugar na Aula 0.Master na planta baixa da Facultade de Informática situada no Campus de Elviña.
O obxectivo das xornadas é ofrecer aos asistentes un enfoque xeral e práctico sobre o software libre, centrándose especialmente nos sistemas GNU/Linux (instalación, configuración e administración) e en aplicativos informáticos libres e multiplataforma. Están destinadas ao público xeral, sen moita experiencia no tema.
Os asistentes recibirán o primeiro día unha introdución aos sistemas GNU/Linux en xeral, adicando os seguintes días a aprender dun xeito práctico a instalar Ubuntu no seu computador así como a obter e instalar calquera dos miles de aplicativos dispoñibles para o novo sistema. O programa completo é o seguinte:
Día 1: Comprendendo o Software Libre
- Conceptos básicos
- Un pouco de historia
- Que é GNU/Linux?
- Vantaxes
- Distribucións e Escritorios
Día 2: Liberando o teu ordenador
- Instalando dende Windows
- Particionando o disco
- Instalación de Ubuntu 11.10
- Configurando noso novo equipo
Día 3: Coñecendo o novo sistema operativo
- Que son os repositorios?
- Conseguindo novas aplicacións
- Introdución aos novos programas
- Alternativas libres a aplicacións privativas
Estas xornadas son gratuítas e entregarase certificado de asistencia. Ofértanse 20 prazas que se cubrirán por estrito orde de inscrición. Os interesados poden inscribirse no formulario habilitado ao efecto.
Dende a OSL recomendan aos asistentes que para unha maior seguridade fagan unha copia de seguridade dos datos persoais (documentos, fotos, imaxes, vídeos…) antes de abordar a instalación dun novo sistema operativo. Aínda que na práctica totalidade dos casos estes datos non son alterados, máis vale previr.
