IkiMap é unha rede social para compartir mapas e información cartográfica. Trátase dun servizo gratuíto que permite aos usuarios rexistrados publicar e compartir os seus mapas en Internet, recibir comentarios, achegas e valoracións doutros usuarios. Esta ferramenta foi desenvolvida integramente empregando tecnoloxías libres por Sixtema, empresa galega ubicada en Santiago e orientada a asesorar e desenvolver novas ferramentas no campo da informática e os Sistemas de Información Xeográfica.
IkiMap está actualmente en fase beta e o rexistro está aberto a calquera, superada xa a fase inicial de rexistro previa invitación que comezou a mediados de febreiro deste ano. Segundo informan os seus desenvolvedores a acollida está a ser espectacularmente boa e xa superaron o millar de usuarios nos aproximadamente dous meses de rexistro restrinxido e a cifra segue a medrar a bo ritmo agora que está aberto a todo o mundo.
A motivación que levou á empresa Sixtema a desenvolver ikiMap, foi a evidencia da falta dunha ferramenta social para compartir información cartográfica. Na rede existían multitude de ferramentas para compartir todo tipo de información e crear comunidades de usuarios e redes sociais en torno a ela, así por exemplo é o caso de youtube para compartir vídeos ou Flickr par compartir fotografías, mais non había ningunha ferramenta deste estilo para os mapas. A empresa Sixtema, consciente deste oco, hai algo máis dun ano, lanzouse ao desenvolvemento de ikiMap, coa intención de crear unha rede social de persoas interesadas no mundo da cartografía. Os principais obxectivos do proxecto eran conseguir un aplicativo que permitira difundir e compartir de forma áxil e sinxela cartografía e tamén que servira como repositorio da mesma.
Segundo comentan os creadores deste novidoso servizo, non pretenden competir de ningunha forma coas ferramentas de escritorio, senón servir como punto de encontro e repositorio de información de todos aqueles que queiran compartir a súa información cartográfica.
ikiMap foi desenvolvido empregando exclusivamente software libre:
- PostGIS como xestor de base de datos
- MapServer como servidor de mapas
- Openlayers como biblioteca para a interface
- Ademais, o desenvolvemento da plataforma implicou o desenvolvemento de módulos intermedios de parseo empregando as linguaxes de programación PHP e javascript. Estes módulos están en fase de probas e, segundo declaracións dos desenvolvedores, unha vez superada esta fase e teñan optimizado o seu rendemento está previsto liberalos.
O servizo permite crear mapas empregando como cartografía base a de Google maps, a de OpenStreetMap e Metacarta. As capas coa información cartográfica do noso mapa pode debuxarse directamente dende a interface de ikiMap ou ben crearse importando un ficheiro en algún dos formatos estándares abertos como KML e KMZ aprobados polo organismo Open Geospatial Consortium (OGC), ou o estándar GPX (Formato de intercambio de datos GPS) recentemente incluído dada a alta demanda entre os usuarios. Ademais a folla de ruta contempla a inclusión de novos servizos baseados nas especificacións do OGC.
No blog de ikiMap atoparedes un par de titoriais que explican como crear un ficheiro KML empregando a ferramenta GoogleEarth ou como crear un ikiMapa o que facilitará o emprego deste servizo. Os mapas creados poderán ser de carácter público ou privado, e poden exportarse en formato KML ou embeberse directamente en páxinas web.
Dado o carácter social do proxecto, os desenvolvedores outorgan un papel moi importante á comunidade de usuarios na definición da folla de ruta do proxecto, así dispoñen dun blog, dun Twitter, e mesmo unha páxina en Facebook onde agardan comentarios, críticas, suxestións, etc. Porque niso se basea ikiMap, na participación activa dos seus usuarios.
A repercusión nos medios está a ser importante, como podedes comprobar na entrevista a Alejandro Lamas no xornal Vieiros e na reportaxe sobre ikiMap na RTVG.
Fonte: Sixtema
