Recentemente tivo lugar a sétima edición da xuntanza informática Kutruparty, na localidade de A Estrada. Dende a organización non dubidan en dicir que esta foi a edición cun maior número de participantes, así como un dos mellores encontros informáticos celebrados na nosa comunidade este ano. Con máis de 350 participantes, a organización veuse forzada a pechar as inscricións tras o primeiro día do encontro.

Durante esta xuntanza, leváronse a cabo diversos obradoiros e charlas de carácter formativo dedicadas aos usuarios máis avanzados. A Kutruparty apostou pola profesionalidade nestas charlas e obradoiros, fronte ás charlas básicas e de iniciación de outros anos. Nestas charlas e obradoiros optouse pola filosofía do código aberto aplicada ao campo educativo: todo o mundo tiña dereito a asistir, anotar a información, mellorala, ampliala con nova información e redistribuíla en calquera outro evento.
Durante esta Kutruparty tivo lugar unha reunión de máis de sete horas entre representantes de diferentes grupos de usuarios de Linux de Galicia, na que se debateu diferentes temas, sendo o máis importante a cuestión a conveniencia dunha federación que aglutine aos diferentes grupos.

No apartado dos xogos, leváronse a cabo todos os torneos previstos, patrocinados por diferentes empresas e entidades, como as empresas locais Moviestrada e Ricartel, a empresa catalana HardCore Gamer e a internacional Steel, distribuidores de accesorios para xogadores profesionais. O apartado de xogos incluíu coñecidos xogos como o Call of Duty, DanceDanceRevolution…
Entre os asistentes á xuntanza atopábanse importantes grupos xa coñecidos: o DC-Team, especialistas en montar servizos para compartir ficheiros en rede, Os Arquivos da Meiga, proxecto que tenta difundir todo o material audiovisual en galego existente, os mencionados grupos de usuarios de GNU/Linux de Galicia reunidos para falar do proxecto da federación, organizadores da LanParty de Tomiño, que axudaron á organización a arranxar algún que outro problemiña de rede…
A organización de Kutruparty agradece a todos os patrocinadores o seu apoio, sen o que nada sería posíbel, especialmente a José Juan Durán, e José López, da Deputación de Pontevedra e a Ovidio Rodeiro, da XUNTA de Galicia; a Carlos Faílde, de Ricartel Telefónica A Estrada; a todos os grupos de usuarios que se acercaron ao evento; á organización da ConectaT Party; a Carlos Andújar e toda a xente de A Estrada Dixital por seguir dándolles o seu apoio; a Moviestrada, Ofitiendas polo seu patrocinio ano tras ano; Hardcore Gamer, Steelseries y Thermaltake pola súa sponsorización; á prensa que seguiu o evento de maneira obxectiva, detallada e fiábel; e por último pero non menos importante, a todos os participantes, tanto os novos como os incondicionais, por seguir asistindo edición tras edición, xa que sen eles Kutruparty non tería ningún sentido.
