Facémonos eco dunha nova recentemente enlazada no Observatorio Europeo do programa para a Interoperabilidade de Solucións para as Administracións Públicas. O chamado Desafío OpenDataNI e unha iniciativa do estado de Irlanda do Norte para promover o uso de estándares abertos na consolidación de ferramentas que empreguen os datos publicados polo OpenDataNI.
O OpenDataNI é unha iniciativa do goberno norteirlandés para promover e mellorar as capacidades dixitais non só a través do empuxe das administracións do goberno senón tamén a través da implicación das compañías locais, o que pode ser o equivalente ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia encadrado a nivel europeo na Estratexia “Europa 2020” .
Neste contexto, a iniciativa concreta do Desafío OpenDataNI é un exemplo práctico do modo no que o goberno norteirlandés está a fomentar o aliñamento das empresas locais co plan estratéxico do goberno. Vexamos como:
O Desafío está implementado en dúas fases, nunha primeira faise a chamada a competición a todos aqueles candidatos para presentar as súas ideas. A proposta debería de encaixar co propósito particular de ser unha solución enfocada á educación primaria ou secundaria aberta e accesible para as escolas. Ademais, esta proposta debe de facer un emprego útil dos recursos de información abertos ofrecidos polo OpenDataNI. De entre todos os candidatos, nesta primeira fase escolleranse seis ideas que serán premiadas cunha contía relevante para permitir o seu desenvolvemento nunha fase de seis semanas.
Na segunda fase da competición, selecciónanse dúas propostas de entre as seis candidatas para ser finalmente premiadas e recoñecidas, sendo a idea final a da consolidación da ferramenta para o uso dentro do eido público.
A idea, segundo representantes do goberno, é non só incluír a tecnoloxía nun punto concreto do sistema para acceso á información do sector público senón que tamén é a de dirixir e perseguir a mellora continua a través do sector privado e a mesma cidadanía que pretenden usar e obter datos útiles.
Como dicimos, non deixa de ser este un exemplo máis de como se están a implementar as estratexias de capacitación e inclusión dixital por toda Europa. Outros exemplos co mesmo enfoque son a chamada da EU-FOSSA para contribuir na ferramenta KeePass ou mesmo o Premio Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
