Mancomún

Incluímos as memorias de tradución dos aplicativos de Mozilla no Corpus de Mancomún

Luns, 18 Maio 2009

Imaxe da interface do Corpus de MancomúnRecentemente, publicamos a inclusión das memorias de tradución de Gnome 2.26 e do OpenOffice.org 3.1 no Corpus de Mancomún. Pois ben, agora acabamos de incluír os ficheiros .PO das memorias de tradución da suite Mozilla. A tradución da suite Mozilla incorpora as traducións dos aplicativos Firefox, Thunderbird, Seamonkey e Sunbird.

Con esta nova inclusión, o contido do Corpus vese incrementando ata case incluír 1 millóns de palabras traducidas, aproximadamente unhas 978.000 palabras en galego. Á hora de falar de cadeas de texto, estamos falando unhas 177.770 cadeas traducidas en galego.

Para poder facer procuras na tradución de Mozilla, teremos que premer no campo proxecto e dentro do despregábel seleccionar o proxecto Mozilla.

O Corpus de Mancomún é a ferramenta fundamental que se emprega para dotar de consistencia e documentación o proceso de localización ao galego. Grazas á súa rapidez e ás funcionalidades que permiten integralo no navegador así como a posibilidade de contruír memorias de tradución a medida, e segundo os estándares da industria actual, constitúe sen dúbida o máis actualizado corpora lingüístico dispoñíbel, en forma de bitextos inglés-galego, no campo profesional da tradución especializada informática, o máis compacto e homoxéneo e o segundo en tamaño, tras o Logaliza da Universidade de Vigo, ao que tamén contribúe o traballo realizado por Mancomún.

A publicación destas memorias fíxose inicialmente no estándar TMX, pero para o seu uso no Corpus foi necesario pasar estas memorias a ficheiros PO. Entre as famosas ferramentas do Translate-toolkit existe unha para a conversión de PO a TMX (po2tmx) pero non ao revés. Nos foros de Mancomún tamén nos preguntaron por unha ferramenta para cambiar as memorias a ficheiro .po polo que desde Mancomún, nos decidimos a crear un script que o fixese…

Creamos un proxecto chamado tmx2po na forxa de Mancomún que non é máis ca un simple script en PHP que, executado en liña de comandos con php5-cgi, recibe un parámetro (o ficheiro TMX) e nos devolve un ficheiro .PO.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal