A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, deixou constancia o pasado sábado en Ourense do compromiso decidido da Consellaría de Industria coas tecnoloxías e os estándares abertos de cara ao desenvolvemento dunha economía do coñecemento propia, como garantía de competitividade das empresas galega ante a situación de crise nos sectores económicos máis tradicionais.
Segundo dixo Veiguela, durante a súa intervención no acto de inauguración do Máster en Consultoría de Software Libre da Universidade de Vigo, “a aposta desta Consellaría, que se articula principalmente a través do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, promovido polo meu departamento, vai máis alá de simples declaracións de intencións” e neste senso fixo un breve repaso ás últimas medidas adoptadas por Innovación e Industria en materia de Software Libre, entre elas o financiamento deste Máster.
O esforzo do departamento autonómico orientase cara a unha estratexia coherente para a potenciación do desenvolvemento do software libre na empresa galega, a cal está xa a requirir de profesionais con amplas competencias na aplicación das tecnoloxías de código aberto. “Trátase de desenvolver tecnoloxía e ir máis alá de establecer simplemente liñas de negocio con base no cobro de licenzas ou no cobro polos servizos de implantación en mantemento, hai que trocar o custo de licenza polo custo de atención e servizo ao cliente”, asegurou Helena Veiguela.
A este respecto, o programa académico do curso de posgrao da Universidade de Vigo dotará aos seus estudantes de competencias en consultoría de negocio e tecnolóxica ou en desenvolvemento de solucións e migración de datos, pasando pola interoperabilidade con sistemas propietarios ou a implantación de sistemas de seguridade e protección de datos.
A inauguración do Máster tivo lugar na mañá do Sábado no Salón de Graos do Edificio Politécnico do Campus de Ourense, nun acto ao que asistiron, ademais da directora xeral, Helena Veiguela; o vicerreitor do Campus de Ourense, Juan Francisco Gálvez; o director da ESEI e coordinador do Máster, Enrique Barreiro; o presidente da Conferencia Empresarial de Ourense, Francisco Rodríguez, e o xerente da empresa patrocinadora TECNOCOM, Carlos González Jardón. Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, cofinancia este Máster xunto coa Confederación Empresarial de Ourense, TECNOCOM, REDEGAL e IdeIT.
A Universidade de Vigo garante, ademais, a mellora continua deste estudos coa implantación do Sistema de Garantía de Calidade FIDES/AUDIT da institución. O programa formativo está dirixido a un total de 30 titulados, preferentemente Enxeñeiros en Informática, Enxeñeiros Técnicos en Informática de Xestión e Enxeñeiros Técnicos en Informática de Sistemas.
