Mancomún

Industria presenta xunto Agasol a súa aposta polo SwL como medida contra a crise

Martes, 14 Outubro 2008

  • A sinatura do convenio entre a Consellaría e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) posibilita a organización dun ciclo de conferencias sobre Software Libre, orientado ás empresas galegas
  • A xornada “Software Libre contra a crise” inaugura hoxe na Coruña este programa de actividades
  • A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, intervirá no encontro para expoñer a aposta do departamento autonómico polas tecnoloxías abertas como medida contra a crise

Sinatura con AgasolA directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Industria, Helena Veiguela, inaugura esta tarde na Coruña o ciclo de sesións informativas organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) co propósito de dar a coñecer ás empresas galegas as vantaxes das tecnoloxías libres e abertas. Estas xornadas inscríbense dentro do plano de actuacións presentado por Agasol no marco do convenio de colaboración asinado recentemente coa Consellaría, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, e en virtude do cal a asociación de empresarios disporá de 20.000 euros para a difusión e promoción do Software Libre entre o sector empresarial galego.

A primeira cita deste ciclo terá lugar esta tarde coa presentación da xornada “Software Libre contra a crise”, que se celebrará ás 19,30 h. no salón de actos da Cámara de Comercio da Coruña (Rúa Alameda, 30 1º). A sesión, que non se estenderá máis de dúas horas, contará coa intervención da directora xeral, Helena Veiguela, a quen sucederá Roberto Brenlla, economista especializado en Tecnoloxías da información e fundador de Tegnix -unha das 24 empresas que se integran en Agasol.

Nela está previsto desenvolver un programa encamiñado a que xerentes, responsables de finanzas, estratexia ou tecnoloxías da información amplíen o seu coñecemento sobre que é o Software Libre, Linux, os estándares abertos e as súas vantaxes competitivas en canto a aforro de custos ou adaptabilidade. Ademais toda esta teoría exemplificarase con implantacións desenvolvidas en empresas, institucións ou mesmo na Administración.

Todo isto co obxectivo de introducir o Software Libre entre o tecido empresarial galego e acadar con este o seu desenvolvemento sostible, de acordo aos principios establecidos polo Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) impulsado pola Consellaría.

Helena Veiguela, anticipando os contidos da súa intervención, xustificou a necesidade de apostar polas tecnoloxías abertas no contorno do sector empresarial galego no feito de que “Galiza ten empresas con capital humano e recursos suficientes para facer deste sector emerxente un sector consolidado e competitivo. Mais é preciso que conte para iso con produtos tecnoloxicamente independentes”.

En relación á sinatura do convenio, o coordinador de Mancomún, Xesús M. Benítez Baleato, recordou que “este acordo favorecerá a consolidación no uso do software libre no segmento das actividades informáticas e, por tanto, unha optimización dos sectores produtivos do noso país, algo especialmente relevante nun escenario de crise económica”.

 

O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Mancomún, -impulsado por Innovación e Industria- participará do encontro non só como parte implicada na sinatura do convenio con Agasol, senón tamén achegando a todos os asistentes o DVD “Ferramentas informáticas para a PEME”. Este DVD inclúe un amplo recopilatorio de software de uso empresarial libre, gratuíto e legal.

O ciclo de conferencias continuará con encontros polas principais cidades galegas en colaboración coas cámaras de comercio e as confederacións empresariais.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal