Mancomún

Industria promoverá a creación dun Centro de Referencia e Servizos de Software Libre

Xoves, 6 Marzo 2008
http://www.mancomun.org/images/stories/ii-dxpisi-an_small.pngA Consellaría de Innovación e Industria (CII) apoiará a realización de actividades que promocionen o software libre en Galiza para o que transferirá ao Centro de Supercomputación de Galiza (CESGA), 675.000 euros para o desenvolvemento destas actuacións ao longo do bienio 2008-2009 mediante a firma dun convenio de colaboración entre ambas entidades. Ademais, Innovación e Industria promoverá o desenvolvemento dun Centro de Referencia e Servizos de Software Libre que sexa capaz de aglutinar e colaborar na xestión das distintas iniciativas para a promoción do software libre promovidas pola Consellaría, dentro dunha acción estratéxica para dinamizar os recursos e servizos que caracterizan á sociedade da información.
 
Este novo convenio dá continuidade e estende os obxectivos do convenio firmado en Xuño de 2005 entre a CII e o CESGA para a promoción do SwL. Ao abeiro deste convenio, o CESGA, a través de mancomun.org – Iniciativa galega polo software libre, e en colaboración coas Universidades galegas e os Grupos de Usuarios de GNU/ Linux, baixo a supervisión dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, veu acometendo unha serie de accións de promoción e difusión do software libre e dos estándares abertos de grande impacto social e igual aceptación por parte do empresariado galego.
 
Este investimento alíñase claramente coas estratexias definidas no PEGSI onde se definen as políticas para que Galiza se introduza plenamente na sociedade da información mediante a introdución das Tecnoloxías da Información e do Coñecemento (TIC), promovendo así o desenvolvemento dunha economía do coñecemento. Neste contexto, o Software Libre constitúe unha peza clave para facilitar o acceso á Sociedade da Información en condicións de igualdade, axudando á redución da fenda dixital, permitir un maior grao de uso da lingua galega nas aplicacións informáticas e facilitar a consolidación dun tecido TIC endóxeno capaz de dar resposta ás necesidades tecnolóxicas da cidadanía, as empresas e as institucións de Galiza para acadar a plena independencia tecnolóxica dende unha perspectiva integradora e global.
 

Neste contexto definido encádrase a sinatura deste novo convenio cuxo obxecto é determinar o marco de colaboración entre a CII e o CESGA para o apoio das súas respectivas actividades de promoción do software libre, promovendo a evolución a un Centro de Referencia e Servizos de Software Libre. Este centro terá como misión fornecer recursos e servizos que promovan a implantación do Software libre e dos estándares abertos para fomentar a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico de Galiza. Para acadar este obxectivo desenvolveranse proxectos en torno a sete áreas de actuación: 
  • Actuacións para a localización ao galego. Apoiaranse todas aquelas actividades destinadas a promover a localización de software libre en galego co obxectivo de manter actualizada como mínimo unha configuración de escritorio ofimático multimedia completamente funcional en galego.

  • Actuacións para desenvolvemento. Reforzarase o actual repositorio de software libre e documentación en galego levando a cabo accións directas de dinamización en contornos empresariais e universitarios. Ademais impulsarase o uso das ferramentas libres máis estendidas, os mecanismos de liberación de software e as dinámicas de participación que favorezan a integración de novos membros na comunidade de desenvolvemento do software libre

  • Actuacións para a implantación. Facilitarase e incrementarase a implantación de software libre e de estándares abertos con especial atención ao entorno empresarial.

  • Actuacións de apoio á formación. Acometeranse accións de formación divulgativa sobre os conceptos do software libre.

  • Actuacións de observación estatística. Apoiaranse os labores de observación e prospección estatística sobre estudos de software libre realizadas polas entidades e institucións galegas competentes.

  • Actuacións para a difusión. Promoverase a participación e co-organización de sesións de traballo con comunidades de desenvolvemento de software libre para facilitar e fomentar a integración da comunidade galega do software libre nas dinámicas de organización e produción baseadas no traballo colaborativo internacional en rede.

  • Outras actuacións de soporte técnico. Fornecerase un servizo de soporte técnico de primeiro nivel como apoio á posta en marcha de iniciativas baseadas en software libre consideradas de interese

Moitas destas accións pasan polo mantemento e reforzo de proxectos xa efectuados por mancomún entre os que cabe destacar pola súa relevancia:

  • A Forxa, repositorio que permite dispoñer dun espazo colaborativo para facilitar a creación, o mantemento e a distribución de proxectos, tanto de creación de software como de documentación en galego.

  • O Entrans, ferramenta que facilita a tradución colaborativa de software ao galego que ademais promove a consolidación da comunidade galega de tradución de software.

  • O DVD das PEME , compilación de software en galego que contén os programas básicos presentes no escritorio ofimático multimedia, ademais dun conxunto de programas especialmente pensados para a PEME todos eles traducidos ao galego.

Fonte: Consellería de Innovación e Industria
           Referencia ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia de hoxe.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal