Cal sería o perfil da vosa empresa?Somos dous socios e temos un número variable de empregados dependendo da carga de traballo, normalmente programadores PHP. Desde que empezamos gustábanos moito o Software Libre e pensamos que lle podiamos sacar partido a ese coñecemento. O meu socio especialízase máis en servidores Linux, de correo, páxinas web, ficheiros, todo a base de Software libre coa seguridade en virus e a robustez que che dá porque nunca se cae. Tamén é moi importante a documentación porque podes resolver calquera dúbida mirando en Google. De feito a linguaxe que nós manexamos máis, o PHP, debe ser o mais documentado.
Eu pola miña banda levo a parte de Software e facemos web dinámicas. Sempre que podemos usamos o Joomla! e a xente queda moi satisfeita ao ver que é fácil meter noticias e modificar calquera cousa.
Como nace o proxecto de crear a empresa?
Nós estudamos historia e enxeñaría agrónoma e mira como acabamos (je,je). Nós mesmos somos uns fanáticos da informática dende que empezamos con Linux no 94 el e no 96 eu. Sempre nos fascinou, coincidimos nun traballo anterior e foi un amor a primeira vista (je,je) porque víamos que tíñamos as mesmas inquietudes. E logo a base de meternos nesta aventura aprendemos moito máis.
Adicámonos ao ensino durante moitos anos e íamos coñecendo moita xente por aquí e por alá. E despois o que soe pasar coa xente que controla de informática que te chaman para calquera cousa. Polo que xa tíñamos unha clientela base agardando a que tivésemos unha empresa seria. Despois estendémonos a base do boca a boca.
Estanvos pedindo SW Libre? A PEME é consciente da existencia?
A xente si é consciente e si nos pregunta e ten curiosidade. O problema é que moitas empresas non se toman en serio a informática. Se teñen un provedor que lles instala o Windows gratis aí non podes loitar. Cando fas visitas para captar novos clientes ves que teñen equipos obsoletos e programas rarísimos. Os ordenadores son algo que teñen que ter coma unha mesa. As empresas familiares galegas que teñen máis de 40 anos funcionan así. Temos ido a algunhas que non teñen nin ordenador. Aí falar de Linux… (ja, ja, ja…).
O Windows máis ou menos xa o coñece e a xente pensa que vai co ordenador e non é consciente do que custa iso porque sáelle gratis. No tema de servidores hai moitas empresas que lle chaman a un servidor 5 ordenadores con C: compartido.
Un modelo de negocio
Estavos sendo rendible esta aposta?
Totalmente, estamos moi contentos. Satisfeitos de que funcione porque temos un abano grande e non deixamos de traballar. Cando non é unha web é un programiña ou outra cousa. Tamén nos fixo ben a Lei Orgánica de Protección de Datos porque aí a xente preocupouse do tema dos contrasinais. Antes pedíaslle á xente que metese un contrasinal e levábanse as mans á cabeza.
Hai empresas de alto nivel que tendo un servidor Linux poden monitorizar e controlar o que fan as persoas, os datos que meten, a hora na que saen, identificarse para entrar na máquina… simplemente controlando os logs aportan unha seguridade á empresa. Aínda que a LOPD non a cumpre case ningunha empresa.
Tedes un perfil de cliente definido?
Sería unha PEME de dous a tres traballadores da área de Vigo ou Santiago. Aínda que movémonos por toda Galicia e temos pensado incluso montar algún servidor en Madrid.
Entrar polo mercado dos servidores é máis fácil porque todo o mundo sabe que máis da metade dos servidores están montados en Linux. Por onde entra máis a xente é polo das licenzas porque poñer un Windows Server 2003 con Exchange custa máis ca propia máquina en si.
Tentastes algunha migración a un escritorio Linux?
O problema co escritorio é que é moi difícil que a xente entre. Acepta cando só teñen que usar unha aplicación en concreto, ademais isto pode interesarlle ao empresario. E isto é, por exemplo nun TPV que temos desenvolvido, arrincar, meter o contrasinal, dobre click sobre a icona e xa estamos no contorno de traballo.
Intentámolo facer en FEAFES, Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia, e unha vez metido deunos demasiado problemas. Regaláronlles unha impresora con scanner destas que teñen 500 Mb de drivers e non funcionaban os automatismos. No tema do correo, da ofimática como o OpenCalc non hai problema… O problema era o hardware, traballar en rede e houbo que volver a Windows. Pero penso que estivo ben coma experiencia e volveremos a tentalo. Ademais isto foi hai dous anos e o Gnome xa cambiou e estase humanizando máis. Ha de chegar.

Falas de que tedes desenvolvido un TPV (Terminal de Punto de Venda) baixo tecnoloxías libres… En que consiste este proxecto?
Funciona baixo Debian. Está desenvolvido baixo PHP e MySql integramente por nós. Está enfocado para o téxtil porque así nolo pediron dous clientes: Rei Zentolo e unha empresa de Vigo, NPV. Realmente ao usuario dálle igual porque non percebe a diferencia.
Cal cres que é a postura do sector TIC en Galicia sobre o Software Libre?
Coñecen Linux e non o desprezan pero moitas veces por falta de coñecementos dálles un pouco de medo. Hai bastantes empresas que están metidas. Pero coñecemos tamén moitas empresas que non usan Linux pero que están metidos porque programan en PHP e outras que queren ter Software legal e recorren a programas de software libre. Nos tamén facemos isto.
Tedes liberado algún dos vosos desenvolvementos? Cal é a vosa implicación na comunidade?
De momento non. Na nova páxina pensamos deixar moita documentación por exemplo a tradución do SquirrelMail ao galego que non estaba finalizada. Eu creo que na comunidade xente coma os estudantes están moi ilusionados con iniciativas coma Joomla! E con xente moi válida moi frikis coma nós (jeje). Sempre intentamos facerlle comprender á xente de que iso custa diñeiro e que os produtos de Microsoft non son gratis.
Como cres que vai evolucionar o Software Libre en Galicia?
A medida que vaia habendo xente nova que se encargue da informática terá futuro. Necesítase xente nova con ganas de cambiar. Se non, non entras. En todas empresas necesitamos a alguén que delegue e cando vemos que esa persoa cumpre o perfil técnico preciso o tema das licenzas enténdeo perfectamente.
O xefe poucas veces falamos con el. Se nunha empresa delegan nunha persoa, cousa difícil en Galicia (ja,ja) porque hai unha xerarquía moi forte. Nas empresas familiares que
levan 20 ou 30 anos traballando e non lles vas cambiar a forma de traballo dun día para outro.
Que casos de éxito tedes na aplicación de tecnoloxías libres?
Por exemplo unha empresa de xestión da hostelería, innovadora que aposta polo máis moderno chamada XHO. Colle todo o papeleo e méteo nun programa en PHP e MySql e saca informes e conclusións que os seus clientes poden ver desde casa por Internet. Desde o principio entenderon perfectamente o que implicaban as vantaxes do Software Libre.
Despois temos desenvolvido toda unha serie de portais web baixo PHP e MySql coma o Sistema de Información Empresarial para o Fomento da Innovación http://www.siefi.org/, a web do concello de Crecente ou XHO que mencionamos antes.
Fixemos ademais aplicacións a medida coma o TPV para o téxtil que comentamos ou un programa de xestión do videoclube Arte e Ensaio en Vigo.
