Dende a OSL da USC infórmannos que logo dun mes e medio de duro traballo veñen de rematar a revisión da localización da vindeira versión do contorno de escritorio GNOME 2.30.0, que sairá o 31 de marzo.
Este traballo consistiu na tradución das novas cadeas do núcleo deste contorno de escritorio así como na completa revisión das máis de 45.000 cadeas que o compoñen, en base aos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.
Complementariamente a este traballo publican un informe, que xa enviaron á lista oficial do proxecto de localización de GNOME ao galego, no que describen o proceso seguido, así como os cambios que fixeron de cara a obter unha homoxeneidade na tradución.
Se ben a calidade da tradución de GNOME 2.30 era xa dun nivel medio-alto, xa que nos últimos anos contratouse a súa tradución e/ou revisión a empresas e profesionais lingüistas que colaboraron estreitamente coa comunidade de voluntarios, tamén é certo que debido ao volume de cadeas novas en cada versión, a evolución dos acordos estilísticos e terminolóxicos da comunidade galega de tradución, os prazos curtos para completar a tradución das novas versións … existían certas inconsistencias e erros herdados que motivaron á OSL da USC a realizar esta exhaustiva revisión, que abordaron en 3 pasos:
- Corrección terminolóxica e estilística automatizada: a OSL desenvolveu unha pequena ferramenta que detectara os erros máis típicos, que a OSL foi detectando ao longo do seu traballo, para logo proceder á súa corrección manualmente.
- Corrección integral: sen dúbida a fase máis intensa pois supuxo a revisión liña por liña das cadeas.
- Corrección ortográfica automatizada: mediante o uso de correctores ortográficos do galego libres e presentes en todas as distribucións de GNU/Linux.
Algúns do erros máis importantes que atoparon e subsanaron foron:
- Uniformación de "window” a “xanela", debido a que existía unha gran inconsistencia (existencia de "fiestra", "ventá", …).
- Cambio de “plugin” a “engadido", igual que no termo “xanela” existía unha grande inconsistencia ("plugin", "complemento", …).
- Uniformación de “tab” a “separador", existían inconsistencias con "lapela", "solapa", "pestana", "lingüeta" e "pestaña".
- Uniformación de “daemon” xa que existían inconsistencias con "demoño", "demo".
- Cambio de “aplicación” a “aplicativo" baseado no consenso acadado coa comunidade de localización de software libre.
- Cambio de “comando” a “orde".
- Cambio de “colar” a “pegar", segundo o consenso coa comunidade de software libre.
Dende a OSL da USC informan que continuarán a colaborar na tradución das novas cadeas e modificacións das xa existentes que se produzan antes do inminente lanzamento desta nova versión de GNOME.
Fonte: OSL da USC
