Mancomún

Informe de vulnerabilidades dos navegadores no 2008

Luns, 9 Marzo 2009

A compañía Secunia publicou a semana pasada o seu informe anual análise de vulnerabilidades. Segundo os datos incluídos nel, o pasado ano o número de vulnerabilidades que foron detectadas e publicadas por Mozilla foi superior ás publicadas por Internet Explorer, Safari e Opera; aínda que cómpre indicar tamén que foron solucionadas con moita maior rapidez no caso de Mozilla que no dos seus competidores.

Firefox vs Internet ExplorerNeste informe vese que no pasado 2008 Firefox informou de 115 vulnerabilidades mentres que cada un dos outros navegadores só informou de aproximadamente 30. Nesta cifra están incluídas tanto as vulnerabilidades detectadas e corrixidas polas propias compañías antes de facelas públicas, como as vulnerabilidades “zero day”, é dicir aquelas que son detectadas e probadas por persoas alleas ás compañías e que logo publican un informe das características técnicas da vulnerabilidade e mesmo instrucións para poder tirar proveito delas. Evidentemente estas últimas son as máis perigosas xa que mentres non se publique un parche que as repare, calquera que use o navegador afectado corre o risco de que alguén malintencionadoamente se aproveite da mesma.

As estatísticas de resolución destas vulnerabilidades son favorables sen dúbida a Mozilla. Das 3 vulnerabilidades publicadas para Firefox, dúas delas foron solucionadas nun prazo inferior a un mes, e a outra en 86 días; mentres que para Internet Explorer publicáronse 6 vulnerabilidades e a finais de ano só estaban solucionadas a metade nunha media de 3 meses e as outras 3, logo de 6 meses seguían sen solución.

 

Estatísticas resolución vulnerabilidades dos navegadores

 

Como conclusión pódese afirmar que as persoas usuarias de Firefox estiveron menos días en risco durante o 2008.

Xa neste ano 2009, Mozilla continua nesta mesma liña, xa que a semana pasada Mozilla publicou unha segunda versión de corrección de erros en menos dun mes, coa que resolven 6 vulnerabilidades, unha delas crítica, xa que permitía executar código malintencionado que tomara o control do computador.

Este é un dos motivos polos que Firefox gaña día a día a confianza de máis persoas, e continúa a avanzar no mercado dos navegadores acadando un 21,7% de uso, o que supón un aumento do 7% no último ano.

Font: CNET

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal