O pasado sábado 18, o portal web PortalProgramas fixo público, por segundo ano consecutivo, o Estudo sobre a valoración do software libre na sociedade. Os datos para a confección do mesmo obtivéronse mediante unha enquisa anónima e voluntaria á que podían acceder libremente os usuarios de PortalProgramas e dos sitios web colaboradores. Nesta ocasión, enquisáronse máis de 2500 usuarios procedentes de 17 países de fala hispana, coa fin de obter unha radiografía do grao de coñecemento, uso, satisfacción e confianza que teñen no software libre.
Os resultados deste estudo reflicten a boa saúde do software libre entre os usuarios de internet. Así, 9 de cada 10 usuarios oíron falar do software libre, mais aínda cómpre traballar máis na difusión sobre que é realmente e cal é a súa filosofía, pois máis da metade dos usuarios asóciano co software gratuíto. Curiosamente, aqueles que non coñecen o software libre son maioritariamente usuarios do sistema operativo Windows e do navegador Explorer, o que apunta a que son usuarios pouco avanzados e que empregan o software preinstalado no seu computador, sendo este grupo polo tanto un dos obxectivos sobre os que traballar para aumentar a penetración do software libre.
No que respecta ao uso, a porcentaxe é parella á do coñecemento, xa que o 88% dos usuarios usan aplicativos libres de xeito habitual, tendo tan só unha porcentaxe de abandono de apenas un 3%. Atendendo á segmentación por idades, o grupo dos 15 aos 25 anos é o que maior uso presenta chegando ao 91% e reducíndose a taxa de abandono ao 1,4%, o que supón unha visión de futuro alentadora, xa que estes serán os traballadores e empresarios do mañá.
O 83% dos usuarios confían no software libre sendo as actualizacións periódicas deste tipo de aplicativos o aspecto que máis confianza lles achega. Atendendo ao grupo dos que deixan de empregar o software libre logo de probalo, resulta significativo que o 70% cre que ten menos funcionalidades que o software privativo e o 37% non o considera seguro.
A realidade que se nos presenta é a de usuarios que coñecen e usan maioritariamente o software libre e confían nel, pero o estudo vai un paso máis alá investigando cal é a disposición dos usuarios a cambiar o seu software privativo habitual por alternativas libres. Novamente os datos son claros, o 80% dos usuarios está aberto ao cambio sempre que os programas libres sexan compatibles cos que xa estaban a empregar.
O estudo amosa unha análise máis detallada dos distintos aspectos, desagregando os datos en función do sistema operativo empregado, da idade, e do país de orixe. Está dispoñible para a súa descarga en pdf, ou en odt.
Fonte: PortalProgramas
