Mancomún

Informe sobre o estado da arte do Software de Fontes Abertas na empresa española

Martes, 4 Maio 2010
  • Un estudo presentado por CENATIC reflicte que o 80% das pemes e o 63% das grandes empresas valoran o uso de software libre na súa estratexia tecnolóxica.
  • O 90% escollen software libre polo baixo ou nulo custo de licenza, sendo o acceso ao código fonte a razón para o 80% das mesmas.

O CENATIC presentou hoxe, na sede do Goberno de Cantabria, o "Estudo sobre o estado da arte do Software de Fontes Abertas na empresa española. 2009". Este traballo, que permite comprender o rol que o software libre está a xogar hoxe na industria TIC española, investiga as características estruturais e económicas do sector TIC que prové, de maneira exclusiva ou non, servizos e tecnoloxías baseadas en software de fontes abertas. Igualmente, identifica os beneficios, oportunidades e barreiras deste tipo de tecnoloxías nas empresas españolas usuarias. Ademais, o estudo analiza o contexto internacional e establece unha comparativa con outros países de referencia.

Algúns datos relevantes do informe.

A nivel internacional, Europa é pioneira no desenvolvemento de software libre, que alcanza xa o 29% de todo o software desenvolvido. O 65% das empresas adoptaron ou teñen interese en adoptar software de fontes abertas. Delas, un 53% teñen software libre para a xestión de bases de datos, un 32% para a xestión de redes, e un 30% en seguridade. A evolución prevista para o futuro é en e-learning, xestión de redes, desenvolvemento de aplicativos e de creación de contidos dixitais.

En España, o 33% do software utilizado polas pemes é libre, principalmente utilizado para sistemas de xestión de bases de datos (66%), servidores web (61%), sistemas operativos (61%) e suites ofimáticas (48%). No caso das grandes empresas, esta porcentaxe é do 14%, principalmente usado en servidores web (50%), sistemas operativos (47%), xestión de bases de datos (41%) e suites ofimáticas (28%).

As razóns para elixir software libre nas grandes corporacións son o menor ou nulo custo de licenza (91% das empresas enquisadas), o acceso ao código fonte (80%), o menor custo total de propiedade TCO (78%), e a valoración dos estándares e procesos de desenvolvemento aberto (72%). En canto ás pemes, igualmente o menor ou nulo custo de licenza é o principal valor (80%), seguido do acceso ao código fonte (77%), o menor TCO (79%), e os estándares e procesos de desenvolvemento abertos (77%).

O 59% das pemes, e o 41% das grandes empresas que adoptaron algunha solución de software libre recoñecen reducir custos, e móstranse moi satisfeitas co seu uso o 82% de grandes empresas e o 78% das pemes. Finalmente, entre as empresas usuarias, o 85% das pemes e o 95% das grandes compañías afirman facer achegas á comunidade de desenvolvemento.

Un informe relevante desde o punto de vista da estrutura económica do sector TIC.

Na presentación do informe, precedida por unha sesión de traballo coas empresas máis relevantes do sector tecnolóxico cántabro, interviñeron Santiago García, director xeral de Innovación Tecnolóxica de Cantabria, Sebastián Muriel, presidente da Comisión Executiva de CENATIC e director xeral da entidade pública red.es, e Miguel Jaque, director xerente de CENATIC.

Sebastián Muriel, director xeral de red.es comentou que "as empresas e as administracións, tanto a central como a local, empezan a ser conscientes dos numerosos beneficios do uso de tecnoloxías abertas, que ademais implican un modelo de desenvolvemento empresarial sustentable, baseado na cooperación, a innovación, a transferencia de coñecemento e a excelencia".

O estudo está dispoñible para a súa descarga na web do CENATIC.

Fonte: CENATIC

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal