Mancomún

Innovación e Industria aposta polo Software Libre no día das Letras Galegas

Luns, 5 Maio 2008

A celebración desta data inscríbese dentro da campaña Máis Internet, Máis Galego, Máis Futuro

O Software Libre será protagonista indiscutible na celebración do 17 de maio ao incorporarse esta iniciativa dentro do programa de eventos que a Consellaría de Innovación e Industria celebra con motivo do día das Letras Galegas. Máis Internet, Máis Galego, Máis Futuro é o nome da campaña que ao longo das primeiras semanas do mes de maio botará a andar actividades orientadas á reflexión sobre o emprego das TIC (Tecnoloxías da Información e do Coñecemento) e do seu desenvolvemento no ámbito do galego.

A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou este mediodía o programa de actos que comporán a iniciativa. Entre eles, dun total de sete eventos previstos, o Centro de Referencia e de Servizos de Software Libre de Galicia organizará a xornada G11n: eu traduzo o teu software . O encontro, con ocasión do segundo aniversario de Mancomún.org, reunirá os días 10 e 11 de maio aos membros máis activos da comunidade de tradución de software en Galicia.

Con esta iniciativa, xunto coa súa incorporación ao programa de actividades do Día das Letras Galegas, a Consellaría de Innovación e Industria quere poñer de manifesto a súa aposta decidida polo Software Libre como elemento fundamental de dinamización do idioma galego e como forma indiscutible de superación do desarraigo da poboación máis nova coa cultura galega.

O obxectivo de G11n: Eu traduzo o teu software é o de identificar os principais problemas que os axentes concernidos atopan no seu labor e atopar conxuntamente solucións que permitan resolvelos. O encontro dividirase en dúas xornadas, a primeira delas aberta ao público e a segunda dedicada ao traballo interno da comunidade.

A sesión do sábado é de caracter congresual, e abrirase cun relatorio sobre terminoloxía que impartirá Xusto A. Rodríguez Río, responsable da Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Tras esta ponencia terá lugar unha Presentación Institucional, con ocasión do 2º Aniversario de Mancomún, coa intervención de Helena Veiguela, Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información-Consellaría de Innovación e Industria (Xunta de Galiza). Este acto precederá a unha mesa redonda, moderada pola Directora Xeral, na que persoas destacadas no eido da localización galega exporán a súa perspectiva na materia. Tras unha comida, que require inscrición previa , completará a xornada de portas abertas dúas ponencias de grande interese: a protagonizada por Albert Astals Cid, sobrecoordenador de KDE 4.0 e a impartida por Juan Rafael Fernández, experto en tradución de software e Profesor de Educación Secundaria en Andalucía.

A segunda xornada ten un caracter máis interno e aínda que é posible a participación de público está orientada principalmente aos distintos axentes que integran a comunidade galega de localización de software libre (voluntariado individual, grupos de voluntarios/as, asociacións, empresas e administración pública así como a expertos/as convocados pola propia comunidade).

G11n é un numerónimo informático que significa galeguización

Programa do día 10

  • 09:30. Apertura das xornadas.

  • 10:30. Terminoloxía, charla impartida por Xusto A. Rodríguez Río do Servizo Normalización Lingüística USC.

  • 11:30. Café.

  • 12:00. 2º Aniversario Mancomún, onde falará Helena Veiguela.

  • 12:45. Mesa redonda arredor das Perspectivas na localización do software libre.

  • 14:00. Xantar.

  • 16:30. KDE, charla impartida por Albert Astals Cid, sobrecoordenador de KDE 4.0.

  • 17:45. Café.

  • 18:00. Tradución de software, charla impartida por Juan Rafael Fernández, experto tradución software.

  • 20:30. Cea.

Programa do día 11

  • 10:00. Sesión plenaria para a asignación grupos de traballo.

  • 11:30. Sesións simultáneas dos grupos de traballo.

  • 13:30. Sesión plenaria para a exposición das conclusións.

  • 14:00. Clausura e xantar.

 

Máis información: 

 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal