Os vídeos de Mancomún estarán accesibles a través da canle habilitada para o Centro
A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, acaba de por en funcionamento a web GaliciaXa.tv, que recolle varias canles con contidos multimedia relacionados co mundo empresarial e Internet e vencelladas respectivamente aos distintos proxectos da Dirección Xeral.
Unha vez máis e, de acordo cos obxectivos estabelecidos, no Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) para o apoio aos estándares abertos, a Dirección Xeral optou para o desenvolvemento desta iniciativa por InVodka.tv, un middleware baseado en tecnoloxías de código aberto.
Para isto, o deseño de GaliciaXa.tv foille contratado ao provedor de produtos e servizos LambdaStream, do que xa dera conta Mancomún anteriormente. Esta empresa xurdiu no ano 2003 como unha spin-off do grupo MADS, na Universidade da Coruña.
Os usuarios desta plataforma poden visualizar contidos das canles de Mancomun, GaliciaPMS, Rexistro de Nós, Rede de Dinamización, Sociedade da Información e Bygalicia, que conteñen entre outras cousas, entrevistas, acto, xornadas, anuncios… e todo tipo de material audiovisual de interese para os internautas en volta destes proxectos.
Entre os contidos que se poden visualizar até o de agora en Mancomún atópase todo o material audiovisual relacionado coa promoción do Galinux, así como outros vídeos producidos en volta de actos do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre. Ademais, o internauta poderá acceder a outros contidos como entrevistas a destacadas personalidades da cultura ou do sector empresarial galego.
GaliciaXa.tv, un servidor de streaming con tecnoloxía aberta
GaliciaXa.tv funciona sobre tres máquinas virtuais aloxadas na maquina Alicerce, situada no Cesga. Nestas tres máquinas atópase o propio InVodka.tv, o middleware que xestiona o portal web; o repositorio de vídeos; e o software que realizar os labores de transcodificación de formatos.
A máquina do InVodka.tv funciona sobre j2se v5.0, tomcat-lambda v3 –un contedor de aplicativos web J2EE baseado en tomcat v5.5, groovy v1.5 –linguaxe de script para a JVM empregado para a configuración dela-, Postgresql v7.4. Xa no campo das tecnoloxías abertas baséase en VoDKA v0.10 (desenvolvido sobre tecnoloxía Open-Erlang), VoDKA Asset Manager v3.3 – xestor de contidos, empregado para agregar metainformación aos vídeos, sinopse, duración, data, imaxes, etc… -, VoDKA Avanced Metadata Manager e vodkastats v3.2.l
