Mancomún achega CD para a instalación de aplicacións de código aberto ás entidades adheridas ao convenio
O conselleiro de Innovación e Industria, o nacionalista Fernando Blanco, asinou esta mañá convenios de colaboración con 32 comercios que se adheriron á convocatoria aberta da Consellaría, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, para o establecemento dun sistema de concesión de axudas aos autónomos para a compra de ordenadores. A relación destas entidades colaboradoras será publicada no DOG na primeira semana de outubro, para, ao día seguinte, abrirse o prazo de presentación das solicitudes de axuda, que poderá acadar o 45% do importe do ordenador, ata un máximo de 350 euros.
Os equipos informáticos que adquiran os traballadores autónomos contarán con ferramentas ofimáticas de Software Libre de xeito gratuíto, con independencia de que dispoñan doutras aplicacións de pago que poidan interesar ao traballador. Para isto, a Consellaría fixo entrega ás entidades asinantes de dous CDs cos programas de instalación de Linux e aplicativos de software libre, así como dun DVD con ferramentas de xestión para PEMES. Con isto facilitarase o cumprimento das obrigas por parte dos comercios para a xestión desta liña de axudas.
Por outra banda, os traballadores que queiran desprenderse dun equipo obsoleto poderán depositalo na entidade colaboradora, que conta cos medios para entregalo para o seu aproveitamento e reciclaxe.
O conselleiro de Innovación e Industria explicou que esta liña de axudas se encadra dentro da estratexia do seu departamento para estender a aplicación das novas tecnoloxías da información e da comunicación ao conxunto do tecido empresarial galego. De feito, a concesión de axudas a traballadores autónomos para a adquisición de ordenadores complementa a pasada Orde de axudas a empresas para a implantación de TIC, orzada con 5 millóns de euros e cuxos proxectos podían acadar até un 70% de subvención en actuacións en redes de área local e aplicacións informáticas entre outras.
Segundo Fernando Blanco, a medida suporá un claro beneficio para o sector dos traballadores autónomos no actual contexto de crise económica e considerou tamén importante que os establecementos asociados verán aumentado o seu volume de negocio nesta época na que, segundo dixo, o comercio precisa impulsar as súas vendas. Por outra parte, como en todas as accións da Consellaría de Innovación e Industria relativas á sociedade da información, neste caso tamén se busca a presenza de ferramentas informáticas favorecedoras da introdución do galego e do software libre. No propio procedemento da axuda permítese e foméntase a utilización do DNI dixital e da sinatura electrónica, ao tempo que se divulgará entre os autónomos os beneficios do seu emprego.
