Mancomún

Innovación e Industria premiará o uso de software libre na convocatoria de axudas TIC para o 2009

Venres, 9 Xaneiro 2009
  • Fernando Blanco presentou esta mañá as convocatorias de axuda dirixidas a empresas e entidades sen fin de lucro para a extensión do uso das tecnoloxías da información e da comunicación
  • Dúas das liñas de axuda, dotadas de 1,5 millóns de euros, destínanse especificamente ao desenvolvemento do sector TIC galego

DXA Consellaría de Innovación e Industria valorará con especial relevancia o uso das tecnoloxías e os estándares abertos na convocatoria das dúas ordes de axuda que, este ano, promoverán a extensión do uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nas empresas e no conxunto da sociedade galega.

O titular da Consellaría, o nacionalista Fernando Blanco, presentou as convocatorias  ante o  tecido empresarial do sector e anunciou que a dotación orzamentaria das axudas se incrementa un 46% con respecto ao ano pasado, ata acadar un importe global de 7,3 millóns de euros. En presenza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade de Información, Helena Veiguela, o conselleiro considerou que a medida contribuirá a mellorar a competitividade do tecido produtivo do país, a xerar riqueza e a actuar contra os efectos da crise económica.

A primeira das ordes presentada destínase a empresas e subvencionará investimentos TIC realizados ao longo do presente ano. A porcentaxe de axuda xeral é do 40%, pero poderáselle engadir un 10% adicional para as solicitudes baseadas en código aberto, así como un 10% no caso das medianas empresas, ou un 20% se se trata de pequenas ou de microempresas. Desta maneira, a subvención pode chegar a cubrir o 70% do investimento subvencionábel, sempre cun importe máximo por solicitante de 80.000 euros.

A orde de empresas conta con catro liñas de subvención, unha destinada á implantación de infraestruturas internas, dotada con 750.000 euros, outra para novas aplicacións informáticas, cun orzamento de 2.750.000 euros, e dúas máis para potenciar o sector TIC galego e a súa formación técnica e promoción, que ambas suman unha contía de 1,5 millóns de euros. Segundo explicou o conselleiro de Innovación e Industria, a liña de apoio á infraestrutura interna das empresas fomentará unha utilización eficiente das TIC por parte de empresas de calquera sector económico, que desenvolverán melloras nos seus sistemas de información. Subvencionarase a implantación de redes de datos internas, incluíndo os elementos físicos precisos para o acceso a internet, así como os investimentos en bens de equipo que supoñan unha muda tecnolóxica ou unha consolidación de tecnoloxías emerxentes para as empresas do sector audiovisual galego. A liña de aplicacións informáticas, por outra banda, apoiará aplicacións de carácter produtivo que acheguen solucións específicas para a actividade económica de que se trate. Tamén se subvenciona neste caso a implantación de programas en código aberto realizados á medida do solicitante, así como aplicacións de uso externo accesíbeis a través de internet cun funcionamento que facilite as transaccións electrónicas.

En canto ás liñas dirixidas especificamente ao sector TIC, a primeira delas pretende fomentar a xeración e oferta no mercado de novos produtos e servizos TIC por parte das empresas galegas do sector. Subvencionarase o desenvolvemento de aplicacións informáticas en código aberto e de novos produtos e servizos, que sexan ademais para a súa adquisición, uso ou licenza mediante pagamento por parte de terceiros.

A outra liña destinada ao sector recolle aspectos como a formación técnica do seu persoal e labores de promoción e comercialización. Tamén prevé apoiar a asistencia a foros especializados de formación tecnolóxica, estandarización e comercialización de produtos nas empresas.

Polo que respecta á segunda das ordes presentada hoxe por Fernando Blanco, destínase a entidades sen fin de lucro que realicen actividades de difusión, sensibilización e formativas no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación. Tamén engloba as actuacións que promovan a produción e difusión de contidos dixitais en galego durante o presente ano 2009. O orzamento desta orde acada os 2,3 millóns de euros repartidos en cinco liñas de subvención: promoción e difusión da sociedade da información (300.000 euros), xeración de contidos dixitais (1,1 millóns) e formación para a cidadanía en xeral, formación especializada para os profesionais do sector e formación enfocada ás PEMES para unha mellor capacitación en materias como comercio e facturación electrónica, as tres dotadas con 300.000 euros cada unha.

O conselleiro recordou por último que estas axudas, que se publicarán no DOG nos próximos días [actualización da nova: DOG nº11 16/01/09 ] , revelan a aposta do seu departamento por un ámbito ao que se lle está a prestar especial relevo e un profundamento das medidas respecto de anos anteriores.

Blanco explicou así mesmo que os últimos datos dispoñíbeis sobre a sociedade da información indican unha evolución positiva das variábeis en Galiza nos últimos tres anos. Por exemplo, segundo dixo, a práctica totalidade das empresas de máis de 10 empregados teñen conexión a Internet mediante banda larga, e o 25% dispoñen de aplicacións de planificación de recursos empresariais e de xestión de relacións cos clientes. Dende a Consellaría, avanzou, seguiranse a dar pasos de mellora que reforcen a penetración da sociedade da información no mundo empresarial, en particular nas PEMES, así como o desenvolvemento do sector TIC de Galiza.

Fonte: Consellaría de Innovación e Industria

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal