Mancomún

Innovación e Industria presenta a plataforma formativa e colaborativa Emprendizaxe

Venres, 13 Febreiro 2009

DXIA directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou onte na Coruña a nova plataforma Emprendizaxe desenvolvida pola Consellaría de Innovación e Industria dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información .

Emprendizaxe é, segundo explicou a directora xeral, unha aposta social, colaborativa e aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen formarse, colaborar, aprender, emprender ou coñecer. Ofrece acceso gratuíto a contidos especializados no ámbito empresarial (estratexias de marketing, tecnoloxías da información e comunicación, estratexias de venda, xestión empresarial…), así como a posibilidade de crear comunidades, blogs ou cursos para tratar e debater diferentes temáticas empresariais. É preciso rexistrarse na plataforma para ter acceso a todos os seus contidos de inmediato.

Está baseada na tecnoloxía Kubbe, da empresa Netex (Oleiros-A Coruña) e, segundo eles mesmos definen, é unha ferramenta de aprendizaxe social e compartido centrada no alumno. Este é quen escolle o que desexa aprender, crea os seus propios medios para participar no proceso de aprendizaxe (blogs, comentarios…) e escolle tamén a cales das redes de aprendizaxe existentes quere unirse. A implantación desta aplicación realizouse no servidor “Alicerce” instalado no CESGA, facendo uso exclusivamente de tecnoloxías libres: Debian, Apache+Tomcat, MySql, J2EE+Ajax e red5 como servidor de streaming para os contidos multimedia dos cursos.

Emprendizaxe enmárcase como a plataforma formativa do portal da PEME galega GaliciaPMS, portal que  ten por obxectivo informar ao tecido empresarial galego sobre as novidades en materia de axudas e subvencións, o tecido asociativo, os parques empresariais, aplicacións informáticas e moita máis información de interese para a PEME.

Emprendizaxe é pois unha peza máis dunha estratexia encamiñada a combinar servizos web informativos, formativos, así como ferramentas desenvolvidas a medida para responder ás necesidades específicas da PEME  sempre dentro da liña estratéxica de apoio decidido ao software libre na promoción da industria e da sociedade da información que esta Dirección Xeral  mantén tanto nos desenvolvementos a medida (Exeria, Orzamental…) como nas ordes de axudas TIC (empresas, asociacións …)

Fonte: Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal