- A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade do Información, Helena Veiguela, presentará o luns as características desta liña de axudas
- Mancomún convida os representantes do movemento asociativo galego a participar deste acto informativo
A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Helena Veiguela, fará pública o vindeiro luns a convocatoria de axudas para a realización de actuacións de difusión e formación relacionadas especificamente co desenvolvemento da sociedade da información (SI), dirixidas a entidades sen ánimo de lucro. Esta medida podería beneficiar a asociacións directamente vencelladas á comunidade de software libre como son os preto da decena de Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GUL) que traballan no noso país polo desenvolvemento e a difusión das tecnoloxías e os estándares abertos.
Esta orde, igual que en anteriores anos, primará os proxectos relacionados coas tecnoloxías abertas debido ao seu potencial cara a facer efectivas as políticas públicas de implantación de ferramentas e de servizos propios da sociedade da información.
Ante esta nova mostra de compromiso co software libre por parte da Consellaría de Innovación e Industria, Mancomún convida as persoas representantes do movemento asociativo galego á participación no acto informativo que terá lugar o vindeiro luns día 12 ás 11:00 horas no hotel Porta do Camiño.
