Actualmente, ter un antivirus instalado en sistemas operativos GNU/Linux pode semellar unha contradición xa que, en certo modo, estes non lles afectan. Mais ás veces, non está de máis telo, por si reenviamos algún correo-e con virus a algún dos nosos contactos ou por avisalos de que o anexo que nos envían ten un virus. Por iso, na páxina do Glug (Grupo de Usuarios de GNU/Linux da Galiza), publican un artigo con instrucións para instalar un dos máis coñecidos antivirus para GNU/Linux, o antivirus ClamAV, e ademais integralo no xestor de correo Thunderbird da Mozilla Foundation.
Desde Mancomún, queremos ampliar a información dese artigo, poñendo os pasos necesarios para integrar o mesmo antivirus, pero desta vez no xestor de correo Kmail, de KDE 4.3.
O primeiro de todo, será instalar o xestor de correo e máis o antivirus. Para iso bastaranos con executar o seguinte comando desde unha consola:
sudo apt-get install kmail clamav
A diferenza desta integración coa respectiva do Thunderbird, é que Kmail non necesita ter o servizo do clamav (clamav-daemon) executándose no computador de forma contínua, senón que cando chega un correo con anexos, Kmail executa o programa clamav de xeito automático, para unha vez rematado de escanear parar a execución do programa.
Unha vez instalado o software necesario, procedemos a configurar Kmail desde o menú “Ferramentas -> Asistente Anti-Virus …”

Feito iso, apareceranos o asistente para configurar o antivirus o cal detectará os posíbeis antivirus instalados no sistema. Neste caso, o ClamAV:

Na seguinte pantalla, configuramos as opcións para a xestión dos correos con virus:

Feito isto prememos en “Finalizar” e xa teremos o antivirus integrado co xestor de correo Kmail.
Kmail é o xestor de correo de Kontact, o xestor de información persoal de KDE que integra ademais servizos de RSS, xestión de contactos, citas, tarefas, axenda, etc…
