Vexamos a continuación un resumo dos novos proxectos rexistrados estes últimos meses:
- Acorrer é unha ferramenta destinada a xestionar a axenda e o correo electrónico. Está desenvolvido en linguaxe PHP con bases de datos MySQL, usando a arquitectura MVC facendo uso do framework Symfony.
- LBD Local. A recuperación de información xeográfica (GIR, do inglés Geographic Information Retrieval) é un novo campo de investigación xurdido recentemente na confluencia da recuperación de información e dos sistemas de información xeográfica. Neste proxecto preséntase un prototipo completo e extensible de sistema GIR.
- Conjugador é un conxugador automático de verbos galegos (ILG/RAG) realizado en perl, que xera automaticamente as formas flexionadas do infinitivo a través de un conxunto de regras e de paradigmas. Esta característica permítelle conxugar tamén verbos descoñecidos ou neoloxismos que poidan aparecer.
- FreeLing POS-tagger Galego e Portugués. FreeLing é unha suite de análise lingüística multilingüe desenvolvida na Universitat Politécnica de Catalunya. Este proxecto contén os ficheiros de adestramento, o dicionario e as regras de lematización nominal e verbal para o Galego (ILG/RAG) e para Portugués Europeo.
- Creación de Makefile para Fortran 90. O código deste proxecto serve para crear Makefiles de proxectos en Fortran 90, o que non resulta un proceso trivial cando existen dependencias entre módulos.
- FORMIGA é un software que permite o re-aproveitamento dos recursos das aulas de informática para a realización de cálculos científicos. O software desenvolvido baséase en tecnoloxía grid, virtualización e redes privadas virtuais.
- O Proxecto G-Fluxo propón a realización dun contorno de desenvolvemento de fluxos de traballo (workflows) para a utilización de computación distribuída, que permita o uso de diferentes aplicacións.
- DepPattern é un conxunto de ferramentas de análise sintáctica multilingüe: contén un compilador de gramáticas, POS-taggers e parsers baseados na gramática de dependencias.
- Xesthotel: Aplicación para xestionar as actividades principais dun hotel, centrándose na realización de reservas vía web e na administración destas nunha máquina local no hotel. Preténdese que sexa facilmente extensible para engadir novas funcionalidades.
- O proxecto Recursos para a lingua recolle ligazóns a páxinas e recursos relacionados coa lingua, co obxectivo de difundilos entre o persoal do Concello de Cerceda. Estará aberto para que calquera persoa o poida descargar, modificar e adaptar ao seu lugar de traballo.
- O proxecto Cartografía Municipal consiste no CMS Liferay traducido ao galego con soporte de cartografía municipal pensado para o uso con municipios galegos e vinculando ao proxecto EIEL.
- CssDispatcher é unha sinxela biblioteca para PHP que axuda a xestionar follas de estilos CSS con instrucións PHP incrustadas (é dicir, modelos PHP que xeran CSS), minimizalas ou unir varias CSS para servilas como un só ficheiro.
- Puppet é unha ferramenta de software libre para a administración centralizada de equipos. O proxecto Puppet Linux pretende ofrecer unha documentación en galego/castelán de calidade así como diferentes recursos de código fonte de configuracións Puppet.
- JavaCK é unha innovadora ferramenta que permite a creación completa de Sistemas Expertos segundo a metodoloxía CommonKADS. Trátase dun compilador que parsea unha linguaxe especifica e xera os sistemas completos implementados en Java.
- Extensións de Typo3 para a xestión de competicións deportivas. Permite a administración, busca e consulta da información de competicións, equipos, xogadores e partidos.
- Androidrunner. Este proxecto consiste nun xogo multixogador para dispositivos móbiles. Os escenarios onde se xoga non son outros que as propias rúas das cidades. Consiste en ir recollendo diferentes ítems polas rúas da cidade. Un proxecto moi prometedor, que esperamos ver materializado canto antes.
- Terminoloxiaseg pretende ser unha copia de seguridade de recursos terminolóxicos informáticos do galego.
Por outra banda, dende mancomún actualizamos proxectos como o tmx2po, un script que permite a conversión de ficheiros .tmx ao formato .po para seren empregados como memoria de tradución por aquelas ferramentas que non sexan compatíbeis co formato .tmx, coas seguintes melloras:
- Inclusión dunha cabeceira por defecto no formato .PO
- Extracción do campo <note> de tmx a comentario en formato .PO
- Inclusión do parámetro de php de tempo máximo de execución.
Parabéns a todos os desenvolvedores e usuarios da Forxa de Mancomún por todas estas novidades.
