Podemos ler no blog de Andrew Bartlett, desenvolvedor de Samba, unha interesante nova referida a este veterano proxecto: os sistemas con Windows Server poderán unirse, confiar e replicar un directorio activo baseado en servidores Samba4 empregando os protocolos nativos de Microsoft.
Segundo lemos, cinco desenvolvedores de Samba 4 traballaron durante unha semana con persoal de Microsoft no servizo de replicación de directorios (DRS, polas súas siglas en inglés). Esta semana de traballo deu como froito un grande avance na interoperabilidade entre sistemas Windows Server e servidores Samba.
Ata agora, a replicación empregando servidores Samba só era posíbel “dun servidor Samba4 a outro servidor Samba4”. O obxectivo principal desta semana de traballo, que foi finalmente acadado, era conseguir tamén a replicación “de un Samba4 a un Windows Server”.
Samba é un dos proxectos libres que máis tempo leva existindo e axudando aos usuarios de software libre a interoperar con outros sistemas. As primeiras versións datan de decembro de 1991 – xaneiro de 1992. Os obxectivos do proxecto eran permitir o uso do protocolo de rede SMB de Microsoft en sistemas Unix. Samba distribúese baixo a licenza GPL3, con algunhas partes baixo a LGPL3.
Para máis información, pódese visitar a entrada no blog do desenvolvedor.
