O estudo elaborado a raíz dos contactos establecidos incorporarase ao repositorio europeo do IDABC
Un grupo de investigadores do centro tecnolóxico UNU-MERIT de Maastrich (Holanda) vén de mostrar o seu interese polo traballo realizado dende o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza (Mancomún) como unha iniciativa de éxito para a implantación efectiva do Software Libre na administración pública.
O persoal investigador do Departamento de Coñecemento e Dinámica Industrial da UNU-MERIT contactou con Mancomún por considerala unha iniciativa europea de “esforzo exemplar” para a implantación do Software Libre no sector público da Unión Europea.
Este interese plasmarase nun estudo casuístico entorno ao traballo realizado por Mancomún e será incorporado ao OSOR do IDABC. Este repositorio europeo está destinado á difusión de proxectos e iniciativas que, dende as Administracións Públicas europeas, se están levando a cabo con grande éxito e repercusión.
O estudo, ademais de incluír a perspectiva de Mancomún, a través da entrevista realizada ao seu coordinador, Suso Baleato, contará previsiblemente coa aportación doutros axentes vinculados ao Software Libre en Galiza. A este respecto, dende Mancomún propúxose o contacto co presidente de AGASOL, Javier Vázquez, e con Juan Rafael Fernández, como axente externo coñecedor da realidade do SwL en Galiza.
Coa incorporación a esta base de datos, na que apenas se contan 50 proxectos, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia sitúase ao mesmo nivel de proxectos como os levados a cabo por gobernos estatais como o alemán, o francés…
UNU-MERIT
UNU-MERIT é un centro de investigación e desenvolvemento participado conxuntamente pola Universidade das Nacións Unidas (UNU) e a Universidade de Maastrich (Holanda). O centro foi creado a comezos do ano 2006 coa fusión do antigo UNU- Instituto de Novas Tecnoloxías (INTECH) en Maastrich e o Instituto Maastrich de Investigación Económica, Innovación e Tecnoloxía (MERIT) da Universidade de Maastrich.
O UNU-MERIT ten como obxectivo proporcionar unha perspectiva, o máis real posible, entorno aos factores sociais, políticos e económicos que conducen cara ao cambio tecnolóxicos e á innovación. Os proxectos de investigación do Centro están orientados a dar resposta a unha amplia gama de cuestións vinculadas ás políticas nacionais e internacionais en materia de ciencia, tecnoloxía e innovación, repercutindo fundamentalmente na creación, difusión e acceso ao coñecemento.
