Do 6 ao 12 de xullo terá lugar a cuarta edición de “e-Verano.org, unha mirada á sociedade libre” no que, segundo os organizadores, pretenden unir a mozos e profesionais nunha reflexión sobre o coñecemento libre, as novas tecnoloxías e as posibilidades que lles ofrecen á sociedade. O lugar de celebración é o CEULAJ situado na localidade de Mollina (Málaga).
Durante estas xornadas haberá cursos, conferencias e sesións prácticas sobre coñecemento libre, novas tecnoloxías, redes sociais… ademais dun abano de actividades paralelas de ocio que permitan pasar uns días de agradable convivencia.
O programa completo destas xornadas xa está dispoñíbel, así como os prezos de cada unha das actividades. Nesta ocasión tamén está previsto que os cursos conten coa Certificación oficial da UNED dentro da súa oferta de Cursos de verán.
Como non podía ser doutro xeito nunhas xornadas sobre coñecemento libre e novas tecnoloxías, a maioría dos cursos técnicos tratan sobre aplicativos libres:
- Instalación, administración e configuración de servizos de rede en Fedora.
- Instalación e desenvolvemento de portais web mediante Joomla.
- Ofimática mediante o paquete OpenOffice.
- Deseño gráfico con software libre.
- Aplicativos informáticos de voz. VoIP e software libre: Asterisk.
- e-Learning e Plataformas de teleformación baixo software libre: Moodle.
Ademais, haberá un espazo propio dentro destas xornadas para IRIS-Libre, o grupo de traballo de RedIRIS sobre software libre.
E-Verano.org 2009 está organizado pola Iniciativa Focus, coa participación e apoio da ETS de Enxeñaría Informática da UNED, a Fundación I+D do Software Libre e do Consejo de la Juventud de Andalucía.
