A asociación Comunidade o Zulo organiza un ano máis o Ciberencontro Concello de Mugardos que vai xa pola súa novena edición. O Kernel 2012 é un evento lúdico-tecnolóxico que se celebra en Mugardos dende o ano 2004, organizado conxuntamente pola Asociación Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos, ao que asisten persoas de moi diversos ámbitos, dende rapaces de 15 anos ata universitarios/as, electricistas, informáticos …
Aínda que o Kernel non é un evento exclusivamente adicado ao Software Libre, si que está moi presente no mesmo, como a organización indica na descrición do evento “Sentimos paixón polo Software e a Cultura Libre, así que se queres aprender ou ensinar software libre, no Kernel 2012 terás oportunidade de coñecer a moita xente con intereses comúns.” Esta paixón déixase ver no propio programa do evento, no que todas as charlas teñen relación co software e cultura libres.
O venres 21 de setembro ás 22:00 horas terá lugar o Drupal BoF. Un BOF é unha reunión informal de persoas con intereses comúns, neste caso o xestor de contidos libre Drupal, no que non hai uns obxectivos claros e definidos máis alá de compartir experiencias. Neste caso a idea inicial é migrar o actual sitio web da “Asociación Comunidade O Zulo” de Drupal 6 a Drupal 7, para o que todos os asistentes poderán achegar as súas propostas de mellora.
O sábado 22 de setembro, o día forte do Kernel, concéntranse tamén a maior parte das charlas:
-
12:00: GALPon MiniNo v2 Ártabros. Nesta charla Miguel Bouzada fará a presentación da nova versión de GALPon MiniNo da que vos falabamos onte mesmo, no que xa comeza a ser un clásico, xa que foi o lugar escollido por GALPon para a presentación da anterior versión de MiniNo Alguadaira
-
12:40: Estudos de saúde con software libre, na que Miguel Ángel Rodríguez Muíños falará sobre a posibilidade de realización de estudos de saúde con software libre, concretamente coa distribución EpiLinux(versión 3) especialmente axeitada para esta tarefa. Ademais, amosarase aos asistente como construír, dun xeito sinxelo a súa propia distribución GNU/Linux. EpiLinux é un sistema operativo completo e autónomo, sinxelo, e orientado a todas as persoas, tanto profesionais coma estudantes, que desenvolven as súas actividades nos campos da epidemioloxía, a bioestatísitica e os estudos de saúde en xeral. Achega un conxunto de programas de uso xeral e unha recompilación de software para a realización de estudos de saúde. Entre eles, podemos destacar R( www.r-project.org) con seus entornos gráficos Rcommander, Rstudio, Deducer e Rkward, ademais dunha colección presinstalada de librerías. Inclúe tamén, software de referencia no campo da epidemioloxía como Epidat 4, OpenEpi, EpiGrass; e da bioestatística como Octave, PSPP, SciLab, Quantu, GIS, Maxima…
-
13:20 Usos profesionais de GNU/Linux: 5 casos reais
-
17:00 Obradoiro: "Iniciación á robótica con Arduino"
Ademais na vertente máis lúdica do encontro, tamén haberá presencia do Software Libre, xa que haberá un campionato de OpenArena, o xogo 3D libre, pertencente ao xénero de acción en primeira persoa. OpenArena está baseado no código fonte do motor gráfico do Quake III publicado con licenza GPL.
Todas aquelas persoas interesadas en asistir ao Kernel, poden inscribirse a través do formulario de inscrición.
