Como xa informamos hai un mes, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux – GPUL – organiza as IX Xornadas sobre Software Libre, na Facultade de Informática de Coruña. Estas xornadas terán lugar dos días 20 a 23 de abril con acceso libre e tan só limitado polo aforo.
Segundo informan os propios organizadores, estas xornadas son unha oportunidade para compartir experiencias e coñecementos adquiridos polos poñentes coa comunidade universitaria, aficionados e profesionais.
O programa xa está pechado, salvo imprevistos de última hora, e este ano contan cun total de 13 relatorios cunha temática moi variada.
-
Software Libre para a docencia impartido por Rubén Rodríguez Pérez de GNU España. Falará da necesidade de empregar o software libre na educación e rematará cunha parte máis práctica na que se falará de Trisquel Edu coma ferramenta para afrontar os esforzos da comunidade do software libre cara os centros educativos e a comunidade docente.
-
Obradoiro básico de programación de robots de RealTimeBattle impartido por Teodoro Díaz Diz, onde se explicará como se desenvolve un robot de Real Time Battle, co fin de guiar a quen desexe participar no Torneo.
-
Traballando con partituras en Software Libre impartido por Alejo Pacín Jul. Falarase de ferramentas como denemo, NtEd e RoseGarden e presentarase a distribución Musix.
-
Introdución a GIS. GIS e Software Libre impartido por Adrián Eirís Torres do Cartolab.
-
Adaptación de GIS libre para a mellora de rendemento de tarefas cartográficas impartido por Gonzalo Martínez Crespo do Cartolab.
-
Introdución aos servizos OpenGIS impartido por Francisco Tsao Santín.
-
A linguaxe de programación Python impartido por José Millán Soto no que fará unha introdución á linguaxe Python
-
Debian: Presentación do proxecto e obradoiro de instalación impartido por Santiago García Mantiñán.
-
Documentación de alta calidade con LaTeX impartido por Emilio J. Padrón e Mauro Silvosa. Presentaranse as vantaxes de LaTeX como sistema de edición de documentos de alta calidade, e proporcionarán un punto de partida mediante modelos predefinidos para a elaboración dos documentos máis importantes ou frecuentes. Máis información en http://latex.gpul.org
-
O proceso de migración a software libre de Enxeñería Sen Fronteiras Coruña impartido por Francisco J. Tsao Santín, onde falará do proceso de cambio dos sistemas informáticos na oficina coruñesa de Enxeñería Sen Fronteiras.
-
Contornos de escritorio actuais en contornos GNU/Linux impartido por José Millán Soto e Diego Fernández Perdomo. Falarán dos contornos de escritorio máis utilizados hoxe en día en GNU/Linux, facendo especial fincapé sobre os obxectivos de futuro que presentan.
-
Inet4all: Compartindo o noso acceso a Internet (impartido por Santiago García Mantiñán. Explicarase como compartir o acceso a Internet con Linux limitando o ancho de banda para que os posibles usuarios non poidan abusar do mesmo.
- Torneo RTB. Concurso organizado por Teodoro Díaz. O gañador do mesmo poderá gañar un premio de 60€ en material informático. Máis información proximamente.
